En Caamouco.Net

P.X.O.M: aprobado con materias pendentes, para setembro??

Cando estaba estudando, falamos so século pasado, as notas académicas eran bastante sinxelas de entender: MOI DEFICIENTE – INSUFICIENTE – APROBADO -BEN – NOTABLE – SOBRESAÍNTE. Logo vinlle, noutras xeracións máis novas, aquelo de NECESITA MELLORAR – PROGRESA ADECUADAMENTE.

Neste século XI a Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda debe estar a experimentar unha nova cualificación “Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ares, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas; e deixando en suspenso varios ámbitos

Máis que un aprobado, parece un “volva vostede en setembro” por que o de repetir curso non se pode contemplar nin asumir.

Deixo para os máis entendidos, que doutores hainos, a análise xurídica da resolución. Estamos ante una resolución que aproba unha parcialmente una norma (o PXOM) da que non se publica o seu contido ate que se subsanen as emendas e reparos.

Segundo resolveu a consellaría o aprobado foi:

Outorgar a aprobación definitiva parcial ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Ares, con suxeición ao cumprimento das condicións sinaladas anteriormente; e deixando en suspenso os seguintes ámbitos:

– Zona da Punta da Pena, desde a avenida dos Castros-rúa Regueiras ata o mar, atendendo ao requirido no informe sectorial da Dirección Xeral de sustentabilidade da Costa e do Mar do Ministerio de Transición Ecolóxica, do 11.7.2019.

– Núcleo Rural de Seselle, dada súa condición de núcleo de identidade do litoral.

  1. O concello deberá achegar un documento refundido que dea cumprimento ás ditas condicións.
  2. Nos ámbitos suspendidos, o Concello introducirá as correccións necesarias, e tras da súa aprobación plenaria, solicitar novamente a súa aprobación definitiva. Namentres, neses ámbitos resulta aplicable o réxime urbanístico contido no artigo 89 da LSG.
  3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a Normativa e Ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

As condicións que ten que emendar o concello, a que fai referencia o punto 2 da resolución  son:

  • O cemiterio civil de Ares consta na memoria co mesmo código que o campo de fútbol (SXEQ-08), o que deberá emendarse.
  •  Os ámbitos das zonificacións acústicas conteñen erros, sinalados pola memoria ambiental, na determinación 14.
  • Existe vulneración das servidumes aeronáuticass nos contornos do pico Bailadora e Montefaro, onde non están sinaladas nos planos.
  • Deberán grafarse as zonas de seguridade que afectan as instalacións da súa propiedade referidas no artigo 111 da Normativa.
  • Corrixiranse as referencias á lexislación derrogada en materia de transporte ferroviario.
  • Cumpriranse as condicións do informe do Servizo de Obras e Vías da Deputación.
  • Deberanse cumprir as condicións do informe da DXOTU en materia de costas.
  • O corredor ecolóxico da Xunqueira no contorno da AC-123, non está ben delimitado, segundo a determinación 3 da memoria ambiental.
  • As parcelas baleiras con ordenanza 6B cualificaranse de acordo co indicado nesa determinación 3.
  • Non se acredita a execución completa e recepción, das obras de urbanización do ámbito do Plan parcial da Granxa, polo que deberá clasificarse como solo urbanizable.
  • Solo urbano consolidado de Ares: o plan considera o trazado de novas vías nas que é necesario un proceso de urbanización, polo que deberán incluírse en ámbitos de solo urbano non consolidado ou delimitar accións illadas, nos casos de:
    1. Viario limítrofe co solo rústico ao sur de Ares, que deberá integrarse nunha acción illada en solo urbano consolidado.
    2. Viario de conexión coa CP-0401 do p-4, e conexión deste polígono no sur-leste; que deberán incorporarse a el.
    3. Solo destinado a viario, na zona denominada Punta da Pena con fronte á Avda dos Castros, que segundo o catastro é de titularidade privada, incluirase no SXZV-20.
    4. Viario perpendicular ao SXV-07 e á avenida Mugardos; que debera incluírse no SUB-R.
  • Engádese parte dunha parcela baleira no límite sur, con fronte á rúa Nova, fóra da estrutura urbana existente, con ordenanza 2 Núcleo Antigo de Redes, que provocará a aparición de novas medianeiras. Deberá eliminarse esta parcela do solo urbano ou cualificarse coa ordenanza 6B edificación extensiva, como as edificacións do contorno.
  • Algúns solos cualificados como viario público non contan con accións de xestión do solo para a súa obtención, nomeadamente: vía paralela á rúa de Abaixo que conecta co SXV-02 e de sección insuficiente na súa entrada norte e no tramo final ao sur, polo que deberá integrarse nunha acción illada en solo urbano e corrixir a súa aliñación para mellorar os accesos aos aparcadoiros proxectados; así como o encontro do Camiño da Igrexa coa Avda. Gaspar Rodriguez que deberá incluírse no PE-7 ou establecer unha actuación illada.
  • Non se xustifican as parcelas baleiras na periferia en Maiobre e Besoxo; nin as novas parcelas baleiras engadidas en Curmá-Mazaido e Cervás.
  • De acordo co informe en materia de costas da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio, na ficha do SUB-I constarán 5.943 m² como superficie máxima edificable.
  • Conforme o indicado no punto II.1.4 anterior, e sendo que todo o concello de Ares está dentro da afección sectorial das servidumes aeronáuticas, o solo clasificado como de protección ordinaria, considerarase de especial protección de infraestruturas, categoría de aplicación complementaria a todo o solo rústico do plan 5.943 m².
  • A situación de fóra de ordenación deberá harmonizarse coa redacción da actual LSG.
  • O artigo 103: establece condicións diferenciadas para os camiños peonís e as vías peonís, pero non se identifican nos planos nin se explica a diferenza entre eles.
  • Na ordenanza 5 «edificación en ringleira» (artigo 108) no grao A (en Ares) non se comprende o parámetro do fondo de 10 m en planta alta, sobre todo nas parcelas con dúas frontes, e tendo en conta que establece que a altura será a existente. A condición dun proxecto unitario se «as intervencións afectan o conxunto semella imprecisa».
  • No artigo 93 regúlanse as condicións xerais para o solo de núcleo rural, no que se distinguen dous tipos de actuación (directas e indirectas), e remite a regulación das indirectas (actuacións de carácter integral) ao especificado no artigo 100, que non regula estas actuacións, nin existe outro na normativa.
  • As condicións de urbanización do artigo 94.3 non se axustan ao establecido pola LSG.
  • A regulación dos usos do artigo 95.3 non se axusta ao establecido pola LSG: o uso de servizos» e «industrial» só poden ser complementarios do uso característico residencial, e o uso industrial categoría 4º «almacén» non está entre os permitidos pola LSG.
  • Na memoria xustificativa falta a páxina 10.
  • Cartografía: nos planos de ordenación do solo urbano do documento para aprobación definitiva a escala sinalada de 1/1000 non é a real, polo que resultan imprecisos e nalgúns casos ilexibles. No caso de Redes non se distinguen as simboloxías e textos superpostos. Pola súa importancia xurídica e técnica, deberanse facilitar estes planos de ordenación dos solos urbanos á escala 1/1000 real (xerar os arquivos pdf a partir do cad axeitadamente). Revisaranse os pdf xerados, para que as escalas de impresión coincidan.
  • As casas catalogadas CA-29 e CA-30 teñen a mesma foto: o erro está na CA-29.
  • Cómpre modificar os seguintes puntos para acadar a adaptación do PXOM ao POL:
    1. Evitaranse os crecementos dos núcleos sobre parcelas baleiras entre a costa e zona sur dos núcleos de Maiobre, Chanteiro e Cervás.
    2. O ámbito do corredor ecolóxico asociado á zona húmida da Xunqueira, reaxustado sen informe favorable do órgano ambiental, preservarase da ocupación por construcións e instalacións, seguindo os principios do artigo 38 da normativa do POL para estes espazos, sen prexuízo da súa clasificación como solo urbano consolidado.
    3. Analogamente a Ares e Redes, e atendendo á súa condición de núcleo de identidade do litoral, incluirase unha ordenanza específica para o núcleo de Seselle ou, conforme o artigo 69.2 do POL, establecerase unha figura de desenvolvemento.
    4.  A totalidade dos desenvolvementos urbanísticos propostos polo PXOM son conformes cos criterios, principios e normas do POL. En todo caso, posto que non se achegan as ordenacións detalladas, incluirase nas fichas respectivas a necesidade de remitir os planeamentos de desenvolvemento para a verificación do cumprimento das normas do POL. Así mesmo, incluirase nas fichas dos ámbitos P1, P4 e SUBR a necesidade de preservar, dentro do posible, as masas de vexetación de recolonización que constan na cartografía de usos e elementos para a valoración do POL, asociándoas aos seus espazos libres.
    5. Na memoria xustificativa de adecuación ao POL, engadirase a xustificación das reservas de aparcamento ao servizo das praias previstas no plan, en función da súa capacidade de carga; e a non previsión desta reserva en varias praias periurbanas, conforme o exixido no artigo 90 do POL.
    6. Na serie cartográfica de coherencia co POL delimitaranse os núcleos de identidade do litoral que se sinalan na lenda

O que si xa sabemos e que cobraron por cada xunta da comisión, mais non sabemos que fixeron, por que a vista do resultado, parece que o aprobado é con asignaturas pendentes para setembro e febreiro.

De tódolos xeitos a gran pregunta é: Que foi o que aprobou a Consellaría??

A min que non me pregunten, eu non saín na foto.

 

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*