En Caamouco.Net

Tópicos sobre a Lingua Galega

el_Toupo

Atopei esta entrada no Bloge “El toupo que fuza” (http://eltoupoquefuza.blogspot.com), escrita por Suso Fernández Acevedo. Creo moi oportuna e didáctica a súa exposición sobre a lingua galega. Pois aí vai reproducida textualmente:

 

 TÓPICOS SOBRE A LINGUA GALEGA – I

Hai discusións que non deberían durar máis de cinco minutos e duran unha hora. Hai discusións que só deberían darse excepcionalmente, pero repítense unha e outra vez, e sempre cos mesmos argumentos. Esas conversas acaban aburrindo máis cós chourizos ceboleiros. A min pásame, por exemplo, co tema da lingua galega.

Houbo un tempo no que chegou a aburrirme tanto estar sempre oíndo e dicindo o mesmo, que un día puxen por escrito o que xa estaba cansado de repetir de palabra, fixen unhas cantas fotocopias e empecei a levalas sempre encima, de xeito que, cando saía a disputa, amañaba o asunto dicindo:
-Le isto.

E entón xa podía falar de fútbol ou do tempo, como fai toda persoa culta e civilizada.

Non vaiades pensar que a cousa non funcionou, porque repartín unhas cantas copias. Como tamén é tema de disputa a diario na rede, vou ir colgando aquí o que eu chamei Tópicos sobre a lingua galega, por se me le alguén a quen lle guste falar de fútbol e do tempo, como fai a xente culta.

 

TÓPICOS SOBRE A LINGUA GALEGA – II (A COOFICIALIDADE E OS CONSTITUCIONALISTAS)

“A Constitución di que os dous idiomas son oficiais, así que cada un pode usar o que queira”.

Esta afirmación, moi frecuente entre o funcionariado para esquivar o cumprimento do seu deber, obedece unicamente a unha lectura parcial ou interesada da Carta Magna, ou o que é peor, a unha non lectura da mesma. Á Constitución pásalle coma ó Quixote, que todo o mundo o cita, pero case ninguén o leu.

Se se analiza con atención o texto constitucional verase que, certamente, no Título Preliminar, artigo 3, establécese a cooficialidade dos dous idiomas, pero iso non quere dicir que se use indistintamente cada un deles en todo momento e lugar. De feito a redacción exacta dese punto di:

Artículo 3.
1. O castelán é a lingua española oficial do Estado. Todos os españois teñen o deber de coñecela e o dereito de usala.
2. As demais linguas españolas serán tamén oficiais nas respectivas Comunidades Autónomas de acordo cos seus Estatutos.
3. A riqueza das distintas modalidades lingüísticas de España é un patrimonio cultural que será obxecto de especial respecto e protección.

Antes de continuar, fago un inciso para lembrar tamén que na súa disposición final establécese que “Esta Constitución (…). Se publicará también en las demás lenguas de España”. Non sei se se cumpriu, pasados case 30 anos, este mandato; polo de pronto, a tradución do artigo 3, que acabo de citar, é miña.

Volvo ó rego. A maioría da xente parece que coñece moi ben o punto 1, pero parece que ignora os puntos 2 e 3, que tamén forman parte da Constitución, e non din pouco.

O punto 2 dálle poder ós Estatutos de cada comunidade para regulamentar esa cooficialidade, e o punto 3 di que a pluralidade lingüística de España é un patrimonio cultural e deberá ser obxecto de especial respecto e protección. Polo tanto haberá que ver como se desenvolve no Estatuto de Autonomía de Galicia este apartado, ou sexa, como se regula a cooficialidade, e tamén de que xeito se lle presta especial respecto e protección á diversidade lingüística.

A Constitución non traza máis que as liñas xerais, e vaise concretando en normas inferiores. Haberá que ver, en consecuencia, qué di non só o Estatuto, senón tamén a Lei de Normalización Lingüística e os Decretos posteriores que, pouco a pouco, van concretando o papel de cada un dos idiomas na nosa sociedade, ou sexa, a cooficialidade. (Xa chegará o momento de citalos textualmente).

E ningunha destas disposicións legais é anticonstitucional. Se o fose xa tería sido modificada porque a historia demostra que non hai precisamente permisividade en favor do galego. De feito, cando se estableceu a primeira redacción da Lei de Normalización Lingüística, houbo que revisala porque atentaba contra a Carta Magna, como veremos noutro momento.

Antes de deixar a un lado a Constitución, queremos lembrarlle ós que tanto gustan de citala, a outra idea á que nos referiamos máis arriba: a obriga de respectar e protexer a diversidade lingüística. Supoñemos que non será necesario recordar aquí o significado dos termos diversidade, respecto e protección. E se alguén ten dúbidas respecto a cales dos dous idiomas cooficiais en Galicia está máis necesitado de protección, recomendamos a consulta de informes recentes de institucións tan pouco sospeitosas de parcialidade como son a UNESCO ou o Consello de Europa.

  

TÓPICOS SOBRE A LINGUA GALEGA – III (AS IMPOSICIÓNS E OS IMPOÑEDORES)

“Agora impónsenos o galego á forza a todos. Eu o que non acepto é que mo impoñan

Os “impoñedores” ?ou debería chamarlles “impostores”? fanme moita gracia. E como me caen simpáticos, voulles propoñer un exercicio moi sinxeliño. Trátase de contestar SI ou NON a cada unha das seguintes preguntas:
GALEGO:
1- É lingua propia?
2- É lingua oficial?
3- Temos o deber de sabelo?
4- Temos dereito a usalo?

CASTELÁN:
5- É lingua propia?
6- É lingua oficial?
7- Temos o deber de sabelo?
8- Temos dereito a usalo?

E para que lles resulte máis doado, voulles dicir onde están as respostas, resaltando as palabras clave:

Constitución Española (1978)
1. El castellano es la lengua española oficial del Estado. Todos los españoles tienen el deber de conocerla y el derecho de usarla.
2. Las demás lenguas españolas serán también oficiales en las respectivas Comunidades de acuerdo con sus Estatutos
3. La riqueza de las distintas modalidades lingüísticas de España es un patrimonio cultural que será objeto de especial respeto y protección.

Estatuto de Autonomía de Galicia (1980)
1. A lingua propia de Galicia é o galego.
2. Os idiomas galego e castelán son oficiais en Galicia e todos teñen o dereito de os coñecer e de os usar.
3. Os poderes públicos de Galicia garantizarán o uso nor­mal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do gale­go en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.

Lei de Normalización Lingüística (1983) Redacción actual.
Art. 1º.
? O galego é a lingua propia de Galicia.
? Tódolos galegos teñen o dereito de usalo.

Se o exercicio se fixo ben, e supoño que si, observarase que só o galego é a lingua propia de Galicia, e que o castelán, a pesar de non ser propio, tamén é oficial. Non pasa nada; tamén as patacas viñeron de fóra e ben que nos gustan.
Volvendo ó rego: temos dereito a usar o galego ou o castelán indistintamente. Perfecto. Ah!, pero só temos o deber de coñecer o castelán; o galego, non, porque así se establece na Constitución.
E esa tolerancia lingüística da que tanto se fala, non aparece desta vez: cando na primeira redacción da Lei de Normalización Lingüística (1983) se lles deu por establecer que os galegos tiñan o deber de coñecer o seu idioma, este apartado declarouse inconstitucional e houbo que suprimilo. A redacción inicial dicía así:

Lei de Normalización Lingüística (1983)
Art. 1º.
? O galego é a lingua propia de Galicia.
? Tódolos galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito de usalo.

Pero houbo que modificala e deixala como a citamos máis arriba. Ou sexa, a única lingua propia de Galicia é o galego e, se queremos, podemos usalo. Pero obrigados, o que se di obrigados, só estamos a saber castelán.

Imposición do galego?

Está ben que haxa patacas, pero non que teñamos que comelas á forza! O único idioma que a todos se nos impón é o castelán, porque así está establecido na Constitución. Os impoñedores xa saben contra quen teñen que escornarse.

 

TÓPICOS SOBRE A LINGUA GALEGA – IV (A OPCIONALIDADE E OS LIBERALISTAS)

“Eu úsoo se quero, e se non, non. Ninguén está obrigado a sabelo”.

O capítulo anterior lévanos directamente a este, que se basea nunha confusión fácil de esclarecer. Consiste en confundir os nosos dereitos e deberes como cidadáns como tales cos que poidan corresponder como consecuencia do papel que cada un desempeña na sociedade. Creo que se pode entender ben se botamos man dunha comparación:

Ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber galego, igual que ningún cidadán, como tal, está obrigado a saber conducir nin a vestir dunha determinada maneira. Pero se ese cidadán é taxista terá que ter carnet de conducir, se é futbolista, durante os partidos terá que vestir igual cós seus compañeiros de equipo, e se é un obreiro da construción, mentres estea na obra, terá que levar casco. Todos estes personaxes seguen sendo cidadáns, pero nuns determinados momentos exercen de taxistas, de futbolistas, ou de albaneis, e iso tamén implica unhas obrigas

Cada posto de traballo ten un perfil, require unha serie de coñecementos por parte da persoa que o ocupa e que, non o esquezamos, cobra por desempeñalo. E cada un deses coñecementos ten unha motivacion: se un taxista non sabe conducir, a viaxe pode ser emocionante de máis; se cada futbolista viste como queira, compadézome do árbitro que teña que distinguilos, e así con todo.

O motivo que provoca que para exercer determinados postos de traballo haxa que saber os dous idiomas oficiais ?non esquezamos que tamén hai que saber castelán, pero iso ninguén o cuestiona? é que os cidadáns teñen dereito a seren atendidos en calquera deles. A Administración ten que garantir ese dereito, segundo establece a lei, e por iso se lle esixe ó funcionariado o coñecemento dos dous idiomas: do castelán, como establece a Constitución, e tamén do galego, como establecen outras disposicións legais derivadas desta: Estatuto de Autonomía, etc.

Quizá se esqueza con demasiada frecuencia que os funcionarios están ó servizo da cidadanía, que é quen lles paga o seu salario, e non ó revés. Ninguén está obrigado a ser funcionario en Galicia; se unha persoa non quere saber galego, pode dedicarse a moitas outras actividades dignas de toda consideración para as cales non cómpre saber galego. Pode montar unha mercería, por exemplo.

Pretender ocupar un posto de traballo sen reunir os requisitos que se requiren, invocando os dereitos individuais, non é máis que unha falacia.

 

TÓPICOS SOBRE A LINGUA GALEGA – V (AS NORMAS E OS NORMATIVIZADORES)

… é que están sempre cambiando a normativa!

Éche unha escusa coma outra calquera. Seguimos cos tópicos, e en relación con este hai tan pouco que dicir que axiña acabo:

1982: Publícanse as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, elaboradas pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega. Trátase da primeira normativa oficial para o noso idioma. Antes non ten sentido, polo tanto, falar de cambios na norma.
1985: Introdúcense unhas mínimas modificacións: algunha terminación, non acentuación das interrogativas indirectas, e pouco máis. Cabe todo en menos de medio folio ou, se a letra é miúda, nun palillo.

2003: Para tratar de acabar coa loita oficialismo / reintegracionismo lévase a cabo unha modificación na que hai máis ruído ca noces. Máis ca cambios propiamente ditos (antes A, agora B) o que se fai na maior parte dos casos é aumentar a opcionalidade (antes A, agora A e B). Foron tan poucas as mudanzas que circularon por aí na cara dun folio, incluíndo nunha columna o que era antes e noutra o que é agora. Ou sexa, unha columna de novidades.

Total: un folio escaso en 25 anos. É iso tanto cambio? Outra cousa é que non se acatasen e que iso causase confusión. Vale, pero iso xa é decisión individual, extraoficial. Sempre hai quen acata as normas e quen prefire ir por libre. Xa se sabe: “¡A mi no me gusta que me digan cuanto tengo que beber! …¿Quién le ha dicho a usted que yo quiero que conduzca por mi?”

Por certo, o castelán introduciu recentemente modificacións na súa normativa bastante máis substanciais cás que se produciron no galego, aprobounas a Real Academia Española o 13 de outubro do 2004 e publicáronse no Diccionario Panhispánico de Dudas.

Causou isto moito problema? Cantos coñecen estes cambios? Cantos os acatan? A cantos lle supuxo algún tipo de atranco? Eu non lle oín a ninguén queixarse. Para o castelán vale todo.

Ó final, non acabei tan axiña.

ESCRITO POR SUSO FERNÁNDEZ ACEVEDO NO SEU BLOG

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*