En Caamouco.Net

Inconstitución do Reino de España

ConstitucionNestas datas todo son parabéns para a Constitución Española. Xa vai anos que aqueles que votaran NO naquel referendo se uniran para loala. Este ano, parece ser que tamén se achegaron algúns dos que votaron NON.

Para a meirande parte deles, a Constitución e un dogma, e como tal  que non pode ser modificada. Fan bo aquilo de “vente años no es nada..” que dicía a canción, pero xa pasamos dos trinta!.

A pesares de todo algunha mala conciencia debe haber para que en vez de España, estado Español, Nación Española non se diga Reino de España. Ao mellor aos nosos gobernantes non lles gusta “Goberno do Reino de España”, “Parlamento do Reino de España” …, que viría ser definición constitucional.

Por qué ninguén cuestiona que o exercito sexa o garante da unidade territorial do Reino de España, por mandato constitucional por enriba do Goberno e da xefatura do estado?.

Por qué non se pode eliminar a discriminación da muller na sucesión ao trono do Reino?

Por qué non se reforma o Titulo oitavo para dar cabida á realidade territorial e aspiracións da cidadanía? ….

Por qué non hai acordo para nomear os membros do Tribunal Constitucional?, se tan importante é facer valer e velar pola Constitución.

Por qué ten que ser de tanta transcendencia a sentenza do Tribunal Constitucional sobre o Estatuto de autonomía de Catalunya?. De non adecuarse á Constitución ben poderíase mudar esta para dar cabida ao Estatuto aprobado por máis do 73% dos votantes.

Non hai problema en mudar o texto Constitucional para adecualo ao Ordenamento comunitario, así xa temos feita unha modificación da Constitución no ano 1992. Pero como outras moitas cousas pasou sen pena nin gloria.

Aí vai a Reforma do artigo 13, apartado 2, da Constitución española, de 27 de agosto de 1992:

“CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA

REFORMA DO ARTIGO 13, APARTADO 2, DA CONSTITUCIÓN ESPAÑOLA

APROBADA POLAS CORTES XERAIS EN SESIONES PLENARIAS DEL CONGRESO DOS DIPUTADOS, DO 22 DE XULIO DE 1992, E DEL SENADO, DO 30 DE XULIO DE 1992

SANCIONADA POR S. M. O REI O 27 DE AGOSTO DE 1992

Reforma do artigo 13, apartado 2, da Constitución Española.

Exposición de motivos

Desde o momento mesmo do ingreso de España nas Comunidades Europeas, as Cortes Xerais foron dotando pouco e pouco o ordenamento xurídico dos instrumentos normativos necesarios para sincroniza-la realidade legal e política española co ritmo do cambio histórico de institucionalización da idea de Europa.

No marco dese proceso de desenvolvemento gradual e de crecente consolidación da Unidade Europea eficazmente acollido na vertente do dereito interno español pola moderna perspectiva aportada polo artigo 93 da Constitución Española , o Congreso dos Deputados e mailo Senado aprobaron, nas vésperas da reunión de Maastricht, senllas resolucións nas que, unha vez máis, se alentaba firmemente a perseverancia nese proceso histórico. De entre os amplos contidos desas resolucións cómpre destacar agora o decidido apoio das Cortes Xerais en favor da institucionalización dunha incipiente <ciudadanía comunitaria>.

En efecto, o artigo G,C do Tratado da Unión Europea propón unha nova redacción para o artigo 8 B, apartado 1, do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea. Nel establécese que todo cidadán da Unión que resida nun Estado membro do que non sexa nacional, terá dereito a ser elector e elixible nas eleccións municipais do Estado membro no que resida; e iso nas mesmas condicións cós nacionais dese Estado. Sen embargo o artigo 13.2 da Constitución Española, que fixa os criterios para o exercicio por parte dos estranxeiros do dereito de sufraxio activo nas eleccións municipais non menciona o dereito de sufraxio pasivo.

Advertida a posible contradicción entre ámbolos dous preceptos e mailas razoables dúbidas de validez que se suscitaban, o Goberno da Nación, na súa reunión do 24 de abril de 1992, acordou requiri-lo ó Tribunal Constitucional, pola vía prevista no artigo 95.2 da Constitución, para que se pronunciase, con carácter vinculante, sobre a existencia ou a inexistencia da devandita antinomia.

O Tribunal Constitucional, en resposta ó requirimento do Goberno, declarou que a estipulación contida no futuro artigo 8 B, apartado 1, do Tratado Constitutivo da Comunidade Económica Europea, tal e como quedaría redactado polo Tratado da Unión Europea, é contraria ó artigo 13.2 da Constitución no tocante á atribución do dereito de sufraxio pasivo nas eleccións municipais ós cidadáns da Unión Europea que non sexan nacionais españois; e, así mesmo, que o procedemento para obte-la adecuación da dita norma convencional á Constitución é o establecido no seu artigo 167.

A ratificación do Tratado suporía, entre outras cousas, un primeiro paso cara á futura configuración da cidadanía europea e esixe, xa que logo, a reforma previa do citado precepto constitucional. As Cortes Xerais atópanse, daquela, na necesidade de exerceren o fondo de poder constituínte que lles confire o artigo 167 da Constitución para facer posible que o ordenamento xurídico español incorpore as normas sobre o dereito de sufraxio pasivo nas eleccións municipais dos cidadáns comunitarios residentes en España.

Sexan as que sexan as lexítimas diferencias que separen ás forzas políticas parlamentarias, que representan ó pobo español nas Cortes Xerais, os propoñentes coidan que é desexable respecta-lo principio de consenso que presidiu a elaboración constitucional e que foi pauta permanente nas decisións parlamentarias relativas á incorporación de España á Comunidade Europea e á súa posición no seo dela. Nunha ocasión coma a presente, na que se unen a decisión constitucional e a decisión europea, semella moi aconsellable subliñar ese principio de consenso político. Porque a sinxeleza formal da reforma que se aborda non debe agachar que se trata dunha xenuína reforma constitucional que implica unha decisión de amplas consecuencias para o espírito da unidade europea.

Artigo único

O apartado 2 do artigo 13 da Constitución Española queda redactado do seguinte xeito:

<Só os españois serán titulares dos dereitos recoñecidos no artigo 23, non sendo o que, atendendo a criterios de reciprocidade, poida establecerse por tratado ou lei para o dereito de sufraxio activo e pasivo nas eleccións municipais.>

Disposición derradeira única

A presente reforma do artigo 13, apartado 2, da Constitución Española, entrará en vigor o mesmo día da publicación do seu texto oficial no <Boletín Oficial del Estado>. Publicarase tamén nas demais linguas de España.”

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*