En Caamouco.Net

Policía municipal: comunicando ou fora de servizo

O que puidera un pensar que é unha mala casualidade, non é casual, é permanente e sistemático. Contactar coa policía municipal ven ser todo un reto. Sen ir máis lonxe, no día de onte no Centro de Saúde foi requirida a súa presenza. Cando deron contactado con eles, o problema xa estaba resolto. De ser un xantar non chegan nin aos “chupitos.”

 Despois de ter pasado o primeiro obstáculo, ven o segundo: non hai denuncia de oficio. Se un veciño ou veciña os chama para denunciar unha situación irregular, ten que dar o nome e apelidos para facer o correspondente parte de denuncia. A eles non lles compete a obriga de ter que denunciar todas e cada unha das actuacións reprobables.

 Pasan polos camiños desfeitos polas obras, cunha sinalización deficiente e perigosa, e nada de nada!. Como se a cousa non fose con eles!. Hoxe, a primeira hora da mañá, estaba a rúa Sta. Bárbara cortada no seu traxecto final. Pero non había nin un triste sinal de rúa cortada. Só uns conos no medio da rúa insuficientemente iluminada. “Pa termos matado!”, que diría algún.

 Do tema urbanístico, xa poderiamos facer unha vivenda nun camiño, que se non denuncia a veciñanza, eles están de paso. Sí, de paso aínda que puidera parecer que están de “pasotas”, non están de paso.

 O de patrullar a pe quedouse nun costume de comezos do século pasado. Deben de querer lucir os coches, xa que para iso foron “entregados” pola Xunta. Pois puideran aproveitar as viaxes para ir ás praias do rural e denunciar aos que seguen a levar os cans aos areais, por exemplo.

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*