En Caamouco.Net

As nosas débedas coa historia

Caeu nas miñas mans o libro “Homenaxe a Xosé Manuel Iglesias”, publicación coordinada por Antonio Blanco Carballo e Víctor Manuel Santidrián Arias e publicado pola Fundación 10 de marzo.

Que o libro “caera na miñas mans” non foi algo casual. Quen mo agasallou sabe ben cal é a miña coxeira e que caxatas vanlle ben. Moito me ten escoitado falar deses homes,  que xogándose a súa liberdade e integridade física, foron quen de mudar a historia. Plantáronlle fronte a aquela ditadura sacrificando moitos anos das súas vidas e as dos seus familiares. Como ben comenta o propio Xose Manuel, foron as súas mulleres as verdadeiras heroínas. As súas familias acababan sendo viúvas e orfos e orfas de vivos. Cando non estaban no caldeiro estaban na clandestinidade.

“O Estado de Dereito” que hoxe temos, foi unha conquista destes homes e mulleres. Nada foi regalado. Agora, que tanto se está a falar das bondades da transición, é máis necesario que nunca recuperalos do esquecemento. Os que hoxe son abandeirados na defensa dos “dereitos individuais” son os mesmos que daquela falaban de partido único e sindicato vertical. Eses mesmos que hoxe falan de liberdade lingüística e noutrora falaban de o idioma do imperio español  e da necesidade de acabar cos dialectos, fala de pobres e ignorantes. Tamén paseaban baixo palio ao General, “Jefe de Estado por la gracia de Dios”.

Pois diante daquel réxime estaban, xogándose o todo pola defensa dunhas liberdades negadas, uns homes e mulleres, veciños nosos, que eran tratados como os máis terribles criminais. Aldraxados e vilipendiados socialmente e bautizándoos como fuxidos, bandoleiros, terroristas …

Pois dende aquí, e vésperas do Día da Patria e tamén do primeiro ano desta bitácora, quero lembrar a esa inxente listaxe de loitadores pola liberdade, que tendo vivido a carón de nós, pouco sabemos deles. Reivindico máis biografías destes persoeiros, veciños nosos, para que a súa loita non quede silenciada nas cunetas. Somos debedores con eles e coa historia para que futuras xeración coñezan o que aquí pasou, pois non foi como dixera Rosón, “aquí pasou o que pasou“. Aquí pasou o que aínda hoxe non se contou.

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*