En Caamouco.Net

Cousas de vellos (I)

Foi xa no século pasado cando un tivo que estudiar aqueles armatostes de libros de economía. Entre capítulo e capítulo, no descanso obrigado para tomar novo impulso, as máis das veces lembraba a miña avoa. Foi peixeira, isto é unha muller que mercaba na lonxa o peixe que logo vendía na praza. Na lonxa se mercaban por caixas ou polo peso, pero na praza ao non haber pesa, vendíase por ducias. Sempre, xa dende moi pequeno, chamaba a miña atención o feito de que non sabendo ler nin escribir, e moito menos as famosas “catro regras”, á miña avoa ao final sempre sabía a que prezo tiña que vender para gañar aqueles cartiños tan necesarios para a súa “economía familiar” a que por certo ela chamaba sinxelamente casa.

Xamais ninguén lle explicara os famosos gráficos da oferta e da demanda, os conceptos de “custe de oportunidade”, o da “elasticidade”, o dos “mercados de futuros, … Pero aí estaba ela, poñendo un prezo máis caro a primeira hora e diminuíndoo a medida que se achegaba o fin da xornada. Sabía ben que a incerteza de quedar sen peixe era unha “variable” fundamental para o seu “modelo económico” ceteris paribus.

Un día, e a pesares do que naqueles tempos impoñía facerlles unha pregunta as persoas maiores, decidinme. Non sabía ben se a miña pregunta era das que non se podían contestar, das que se cambiaba de tema cando chegabamos algún pícaro porque “hai roupa tendida”. Pero a decisión era firme.

–         Avoa, cómo fas para, sen saber “as catro regras”, ao final sáianche ben as contas?

–         Pois moi doado, sentidiño común. Tento vender a primeira hora ao mellor prezo, pero se vexo que me queda sen vender, é mellor convertelo en cartos, que mañá necesito para comprar máis peixe  que ter que tirar con el.

–         Pero cómo calculas en que momento xa non podes baixalo máis e é mellor tiralo?

–         Pois cando ves que a cantidade total de cartos que podes quitar polo que che queda non compensa e é mellor que se queden con ganas de peixe, pois xa mañá será outro día e algo terán que comer.

O certo foi que, dada a miña idade, pouco me aclarou sobre o tema. Foi despois de moitos anos cando un dáse conta da inmensa sabedoría que almacenan os nosos maiores.

Por certo, se a miña avoa foi analfabeta foi por culpa duns golpistas que aló no ano 1936 se sublevaron contra un Goberno legalmente constituído, que truncou entre outras cousas un plan de alfabetización en toda a República.

Os seres queridos só estarán completamente mortos cando sexan totalmente esquecidos. Pois, con Lei ou sen ela,  viva a memoria histórica!.

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*