En Caamouco.Net

Ofrenda inconstitucional?

Un estado aconfesional é aquel que non está adscrito a ningunha confesión relixiosa. Aínda que parecido o seu significado non é igual ao de estado laico. Neste último o que se está a dicir é que o estado é independente de calquera organización ou confesión relixiosa. O artigo 16 da Constitución Española di:

1.Garántese a liberdade ideolóxica, relixiosa e de culto dos individuos e das comunidades sen máis limitación, nas súas manifestacións, cá necesaria para a conservación da orde pública, protexida pola lei.

2.Ninguén poderá ser obrigado a declarar sobre a súa ideoloxía, relixión ou crenzas.

3.Ningunha confesión terá carácter estatal. Os poderes públicos terán en conta as crenzas relixiosas da sociedade española e manterán as conseguintes relacións de cooperación coa Igrexa católica e as demais confesións.

Vemos logo que a Constitución declara o estado como aconfesional. Nembargante séguese a facer, por parte do Estado, unha ofrenda ao Apóstolo Santiago.

Na súa orixe a ofrenda ven a expresar o agradecemento rexio a Santiago por ter traído a fe católica a España e sostela nas súas loitas contra os seus inimigos. As autoridades eclesiásticas sosteñen o feito, máis que dubidoso, da aparición do apóstolo na batalla de Clavijo a mediados do século IX. Dende entón, os reinos cristiáns que loitaban contra a ocupación musulmá de Hispania tomaron a Santiago como protector e invocaban a súa axuda. Foi Felipe IV quen en 1643 estableceu a Santiago como único patrón de España e dispuxo tamén que todos os 25 de xullo se fixese unha ofrenda rexia ao Apóstolo. Inicialmente, esa ofrenda consistiu en mil escudos de ouro, pero agora consiste nunha solemne petición. A crenza, propagada pola Igrexa entre os guerreiros españois, na súa protección seguiu viva durante a conquista de América e despois.

Non cabe dubida que a ofrenda está en contradición co disposto no citado artigo, non só no que se refire ao carácter aconfesional, senón que os poderes públicos non están a ter en conta as crenzas relixiosas da sociedade española, nomeadamente á da comunidade islámica.

O curioso do caso é que, ao igual que aos ateos, por parte dos crentes faise a inversión da proba. Temos que nos xustificar a non existencia do seu deus!. A eles bástalle con dicir que creen, pero os demais temos que argumentar a nosa non crenza.

Chámannos intolerantes cando queremos a desaparición dos crucifixos nos locais públicos. Ou sexa, que os que non queremos poñer ningún símbolo, somos uns intolerantes por non deixarlles a eles pór o que queiran.

Os que  dicimos que cada quen faga da súa vida un pandeiro, somos uns intolerantes que atacamos os cimentos da ética e da moral. Acúsannos de obrigar aos demais a divorciarse, a abortar, a ter relacións sexuais libres e abertas, a adoutrinar contra a Igrexa, ….

Pero non pasa cando as forzas armadas renden homenaxe de xeonllos diante dos símbolos da igrexa católica. Non pasa nada cando os cargos públicos, en funcións da súa condición, renden homenaxes ou van de procesións ou organizan funerais de estado católicos.

E despois van de constitucionalistas!!!!!!!!!!  

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*