En Caamouco.Net

29 de setembro

 

 

 

O día 29 todas e todos estamos chamados a participar nunha xornada de Folga para parar unha reforma laboral, que ao igual que as anteriores vai supor un recorte de dereitos para a clase traballadora. Somos moitos e moitas os que pensamos que é unha resposta tardía e que os sindicatos non estiveron a altura das circunstancias. Pero non valen escusas. Despois do día 30 pedirémoslles explicación aos axentes sociais, pero o día 29 é día de loita democrática nas rúas. Farémolo por todas e todos nós, que ven ser tamén pola dignidade da clase traballadora.

Ista é a analise que fai a CIG sobre a Reforma Laboral:

 Facilita e abarata o despedimento.

1.- Xeneralízase como contrato tipo o contrato de fomento da contratación indefinida, que ten unha indemnización por despedimento máis barata (33 días por ano e un máximo de 24 mensualidades fronte aos 45 días e un máximo de 42 mensualidades do contrato indefinido ordinario).

Para os novos contratos de fomento da contratación indefinida, así como para os indefinidos ordinarios, no caso de despedimento obxectivo (colectivo ou individual) o FOGASA asumirá parte da indemnización abonando 8 días por ano de servizo. Desta forma a empresa so pagaría 12 dos 20 días por ano que legalmente se establecen ata un tope máximo de 12 mensualidades. Ou sexa que en caso dunha situación económica negativa, o Fondo de Garantía Salarial dedícase a subvencionar os despedimentos en lugar de subvencionar o mantemento do emprego. Ata agora xa se viña facendo isto coas empresas de menos de 25 persoas empregadas e agora a subvención esténdese a todas. Ademais, cando se trate dun despedimento obxectivo declarado improcedente polo xulgado do social, ou ben sexa recoñecido como improcedente polo mesmo empresario, este poderá agora aforrarse os salarios de tramitación, o que indubidablemente, abarata o custe do despedimento improcedente

2.-Facilítase que as empresas “que teñan unha situación económica negativa” poidan utilizar o despedimento obxectivo, cunha indemnización de so 20 días por ano e un máximo de 12 mensualidades. A estes efectos a empresa terá que “acreditar os resultados alegados e xustificar que dos mesmos dedúcese minimamente a racionalidade da decisión extintiva”. Este tipo de redacción facilita enormemente a decisión de despedir por parte do empresario e debilita gravemente a garantía de tutela xudicial efectiva das persoas despedidas. Trátase de que os xuíces teñan pouco ou nada que dicir ante a decisión do empresario, que pode presentar un balance de resultados negativos conxuntural e xustificar minimamente a racionalidade da medida. Evidentemente por esta vía o despedimento é moito fácil e moito máis barato.

3.- O preaviso do despedimento obxectivo pasa de ser de 30 días a 15 días.

4.- Para levar adiante o que se denomina “modelo austríaco” o decreto lei establece que no prazo de 1 ano, constituirase un fondo de capitalización, de forma que o traballador ou traballadora poida facer efectivo o abono das cantidades ao seu favor nos supostos de despedimento, mobilidade xeográfica ou para actividades de formación. Se a persoa en cuestión non recorre nunca a este fondo, as cantidades que lle correspondan serán percibidas no intre da xubilación. O fondo estará operativo a partir do 1 de xaneiro de 2012, sendo de aplicación aos novos contratos indefinidos que se celebren a partir desa data.

Como o goberno parte da idea de que a reforma laboral non debe levar novos custes para as empresas, non se sabe como se vai a dotar economicamente ese fondo de capitalización e nada se dí ao respecto. A ver si van a ser os traballadores e traballadoras as que paguen mes a mes o seu posible despedimento. En calquera caso esta medida , que se aplicará regulamentariamente polo goberno, resposta á mesma filosofía de facilitar o despedimento evitando a discusión xudicial sobre a súa improcedencia.

Facilita a flexibilidade interna nas empresas e limita a negociación colectiva.

1.- Introdúcense modificacións para axilizar os procedementos de mobilidade xeográfica e modificación substancial de condicións de traballo, con prazos improrrogables de 15 días para o período de consultas. Trátase de reforzar o poder discrecional do  empresario fronte á capacidade negociadora da representación sindical. Ao final suprimiuse a proposta inicial do goberno de impor un laudo obrigatorio en caso de discrepancia, por considerar que podería afectar ao dereito de negociación e ser inconstitucional, e no decreto-lei o recurso á mediación e arbitraxe será, no seu caso, voluntaria e acordada polas dúas partes.

2.- Decrétase a inaplicación salarial dos convenios colectivos cando “a situación e perspectivas económicas da empresa puidera verse danadas como consecuencia da aplicación do convenio, afectando ás posibilidades do mantemento do emprego na mesma”. Os CC deberán contemplar “procedementos para solventar de maneira efectiva as discrepancias que poidan xurdir na negociación para non aplicar o réxime salarial” e no caso de non existir acordo entre as partes, calquera delas poderá acudir a procedementos de mediación ou arbitraxe. Ábrese así a posibilidade dunha baixada xeneralizada dos salarios para superar situacións de crises transitorias nas empresas. A clase traballadora paga entón, directamente, as consecuencias da crise. Ademais, con estas medidas bascula a negociación colectiva cara á negociación na empresa, limitando a negociación e a eficacia dos convenios de ámbito superior.

Non se ataca a precariedade laboral e mesmo fomentase a temporalidade.

É certo que o decreto lei limita a duración máxima para o contrato de obra e servizo ata tres anos, que pode ser ampliada un ano máis por convenio colectivo. Tamén establécese unha indemnización gradual para os contratos temporais, de forma que en 2011 será de o días por ano traballado, aumentando cada ano nun día até chegar en 2015 esta será de 12 días por ano traballado.

Porén, non se atacan as causas da alta precariedade na contratación, xa que mentres que a empresa teña menos custe cunha contratación temporal que cunha fixa seguirá recorrendo a ela. Por outra parte, o contrato de obra ou servizo determinado segue vinculado ás contratas e subcontratas, o que, dado o fenómeno de externalización produtiva, segue a ser a maior causa de precariedade. Tampouco se prohibe o encadeamento dos contratos cando diferentes traballadores pasan sucesivamente por un mesmo posto de traballo.

E aínda por riba, coa nova regulación do contrato de fomento da contratación indefinida, foméntase o uso da temporalidade, xa que as empresas poden contratar temporalmente a unha persoa durante 6meses para despois transformarlle o contrato en indefinido. Desta forma, para cubrir un posto de traballo fixo (e subvencionado) estase permitindo unha contratación temporal que vai a actuar como unha especie de contrato de proba, nada menos que durante seis meses.

Aplica novas bonificacións e subvencións as empresas, fundamentalmente no contrato para a formación e para a contratación da mocidade.

Para una maior utilización do contrato de formación, o decreto lei establece cinco medidas básicas: aumentar a idade de contratación ata os 24 anos, eximir  totalmente ás empresas das cotizacións á Seguridade Social, eliminar os custes da formación teórica nas empresas de menos de 50 persoas, mellorar a protección social, incorporando o dereito ao seguro de desemprego, e subvencionar a reconversión destes contratos en indefinidos.

Consideramos que non ten xustificación algunha a decisión de aumentar a idade, agás o interese empresarial en contratar man de obra barata. Este tipo de contratos sabemos que da lugar a todo tipo de abusos, porque por unha parte a formación teórica na realidade non se imparte na grande maioría dos casos, e pola outra a remuneración garantida é baixísima, xa que para o primeiro ano se lle pode descontar do SMI o tempo dedicado á formación ( mínimo dun 15%), e para o segundo ano de contrato o salario garantido será o SMI, con independencia do tempo dedicado á formación.

Consideramos que una maior utilización destes contratos non pode basearse na exención das cotas sociais nin creemos que deban mermarse os ingresos da seguridade social para favorecer aos empresarios. Tampouco estamos dacordo coas subvencións para a contratación que, en definitiva, son transferencias ás empresas a costa do erario público e non resolven o problema de empregabilidade da mocidade. A protección social destes contratos tampouco é completa porque a base para o cálculo do desemprego é menor e discriminatoria respecto a outros contratos.

Déixanse esmorecer os servizos públicos de emprego mentres se legalizan as axencias de colocación con animo de lucro e se xeneraliza a actuación das ETTs.

Non se garante a contratación estable dos orientadores nos servizos públicos de emprego para cubrir os compromisos –sempre incumpridos- dunha atención personalizada ás persoas en paro, pero si se legalizan as axencias privadas de colocación con ánimo de lucro. Non se abordan os cambios requiridos pola CIG para que as persoas en paro non queden abandonadas á súa sorte e para que os servizos públicos sexan eficaces nas políticas activas, eliminando as subvencións ás empresas –que se levan a metade do gasto- e aplicando programas de orientación e formación adecuados ás necesidades. Tampouco se melloran cualitativa e cuantitativamente as prestacións por desemprego.

As axencias privadas de colocación van a ser colaboradoras do servizo público de emprego e poden substituír a este en relación co control das obrigas das persoas en paro e beneficiarias de prestacións (renovación da demanda, participación en traballos de colaboración social, acción de promoción de emprego, formación e reconversión profesional, xustificación de ter comparecido no lugar e data indicados para a cobertura das ofertas de emprego, etc). A CIG sempre se amosou contraria a súa legalización polos problemas de discriminación e de control abusivo no acceso ao emprego. Evidentemente a súa actuación e control das persoas que deban cubrir demandas de emprego vai ser moi diferente dos servizos públicos, porque elas cobrarán das empresas e xa se sabe que quen paga manda.

Por outra parte tamén se eliminan as prohibicións actuais sobre o campo de actuación das ETTs e agora os contratos de posta a disposición poderán ser utilizados en sectores como a construción, administracións públicas, etc, etc.

A próxima reforma do sistema de protección social.

As políticas neoliberais da Unión Europea, que inciden esencialmente na parte do gasto e especificamente do gasto social, presionan inexorablemente sobre a reforma das pensións. De feito, a Ministra de Economía xa ten aclarado que hai un programa de reformas nese senso presentado na UE. Parece pois evidente que esas medidas non esperarán ao consenso do Pacto de Toledo e poden ser presentadas proximamente polo Executivo e aprobadas pola maioría parlamentaria. Loxicamente haberá que esperar a coñecer o contido desa reforma para pronunciarse expresamente sobre ela, pero o goberno xa adiantou no seu momento o interese en alongar a idade de xubilación aos 67 anos, aumentar o período de carencia para ter acceso á pensión contributiva, recortar a contía da pensión alongando o período para o cálculo -que podería chegar a contemplar oda a vida laboral-, reconsiderar as pensións de viuvidade, restrinxir aínda máis a xubilación anticipada, etc. A presión política, mediática e mesmo intelectual sobre a insostibilidade do sistema de pensións é enorme e utilízase para ir máis alá e propor a capitalización dunha parte das pensións públicas e a defensa dos fondos de pensións como complemento dunha pensión básica e reducida. Esa é a gran tallada na que teñen que meter as mans as entidades financeiras para roubarnos así parte do noso salario diferido.

E una reflexión final.

Ante todas estas reformas antisociais, dirixidas especialmente contra a clase traballadora, o sindicalismo de clase ten que ser belixerante e propor mobilizacións fronte aos axustes duros que pretenden tanto a Unión Europea como os distintos Estados servizo do capital. O camiño de recortes en época de recesión pode ter consecuencias económicas desastrosas e consecuencias políticas impredecibles que favorezan o ascenso de forzas racistas e militaristas, como xa ocorrera nos anos 30, tal e como alerta a Confederación Europea de Sindicatos. De feito, é significativo o actual predominio dos gobernos conservadores en Europa.

O movemento sindical europeo, coordenado e organizado, é necesario para dar unha resposta eficaz, pero tamén é certo que cada sindicato no seu territorio ten que facer os deberes. No estado español CCOO e UGT estiveron enredados meses e meses nunha negociación inverosímil, incapaces de entender que a patronal vetaba toda posibilidade de acordo sobre calquera aspecto positivo para a clase traballadora. E, una vez máis, en vez de buscar apoios na participación e mobilización dos traballadores e traballadoras entenderon o diálogo social como un fin en sé mesmo debilitando así ao movemento obreiro.

Pero agora ademais de ser contundentes na resposta e organizar adecuadamente unha folga xeral no estado español, así como coordinar as mobilizacións a nivel europeo, hai que ofrecer alternativas tanto a nivel ideolóxico como con propostas concretas para que a crise a pague o capital, ou dito doutro xeito, que as súas consecuencias sexan asumidas polos ricos e privilexiados para refinanciar a situación crítica actual e posibilitar unha sostibilidade económica, social e medioambiental. Nesa dirección a CIG ten elaborado dende primeiros de ano o documento “Políticas alternativas para a crise” a disposición do debate non so na afiliación, senón das demais organización sindicais e políticas, co obxectivo de impulsar e apoiar políticas de crecemento e creación de emprego.

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*