En Caamouco.Net

As pensións, entre o presente e o futuro

 

Reproduzo a estrada que Daniel Albarracín Investigador social Profesor Universitario Doctor en Sociología (UCM) Licenciado en CC. Económicas (UAM) ten na súa bitácora:

Daniel Albarracín 17-12-10

O sistema de Seguridade Social constitúe a institución económica máis robusta no Estado español, desde o punto de vista da súa solvencia. Trátase dun modelo de solidariedade entre os e as asalariadas sen comparanza, un modelo baseado nun sistema de repartición interxeracional e interterritorial. Non se trata dun modelo perfecto nin o mellor posíbel, desde o punto de vista da equidade, abofé.

 Mais non podemos conceder ningunha credibilidade ao demagóxico ataque neoliberal sobre a súa non sostibilidade financeira e, moito menos, sobre a súa posíbel creba vertidas sobre o seu futuro, porque sen termos antes esclarecido o que hai e o que pode haber na realidade presente e futura, dificilmente poderemos apostar pola súa potencialidade de mellora. É por este motivo polo que nos debemos a unha tarefa pacientemente pedagóxica para contrarrestar as medias verdades, ou as falsidades absolutas, que foron sinalando numerosos “expertos convencionais”, como son os chamados “100 economistas”. Os informes de FEDEA contan co pagamento das grandes corporacións financeiras, ávidas de ampliar o seu negocio para os seguros privados -estes si, en bancarrota nestes anos de crises-. Estes ideoloxemas son repetidos até a saciedade polos medios de comunicación ao uso, sexa por mimetismo ignorante ou complicidade cos seus pagáns, estendendo os estereotipos máis recalcitrantes.

 Dise que no Estado español hai un alto gasto social, en particular nas pensións, e que o modelo é xeneroso e non soportábel, que xera déficit público a esgalla. En primeiro lugar cómpre dicirmos que a Seguridade Social goza dun saudábel superávit. Que as súas contas son autónomas respecto do orzamento público. Que mesmo historicamente as contas do Estado frecuentemente foron socorridas pola Seguridade Social (boa parte do INI foi financiado pola Seguridade Social). O nivel de gasto público en pensiónsn no Estado español en 2010 alcanzou o 10,6% do PIB, porque caeu o PIB sensibelmente nestes anos de criss. Aínda así está moi por baixo da media europea. Con datos de 2009 se dimensionamos o gasto público total en prestacións sociais (situado no 14,6%, segundo Eurostat) estamos 3,1% do PIB por baixo da media da área euro. Non hai desequilibrio financeiro ningún a día de hoxe e por suposto que o gasto non é problema.

 Entón, os analistas neoliberais lánzannos o futuro sobre as nosas cabezas. E, como os profetas máis agoreiros, debúxannos, para condicionaren as nosas actitudes presentes, os escenarios máis noxentos. Naturalmente, cando nos contan esa película de medo recorren só a medias verdades. Para iso fálannos do “terríbel problema” do avellentaemento e a inversión da pirámide demográfica.

 Aínda que os factores son moi diversos, convén situarmos o asunto demográfico. Vénse sobredimensionado a influencia da chamada II Transición Demográfica. O proceso de inversión relativa das pirámides de poboación (por mor da maior esperanza de vida e do control da natalidade) suporá un fenómeno temporal, de ningún xeito eterno.

 Pódese realizar un exercicio de proxección demográfica, considerando circunstancias futuras exentas de cambios. Ese escenario é pura hipótese, ante as perspectivas de crises e conflito duradeiro que se aveciña, e sen contar coa influencia da inmigración, que tamén aliviaría o desequilibrio. Pero pode convir unha análise deste tipo para derrubar algunhas afirmacións sen sentido.

 O suposto impacto comezará a partir do 2025, e a súa duración abranguerá 15 anos, como máximo dúas décadas, cando as amplas xeracións nacidas entre 1960-75 vaian alcanzando á idade de xubilación, tras as cales vai volver reestablecerse o equilibrio de cohortes, unha vez que a xeración daquel baby boom desapareza por razóns vexetativas, esperando que non sexan outras. En efecto, pode estimarse, baixo este suposto, que para 2050 o gasto público en pensións podería alcanzar máis do 13% do PIB, segundo calcula o profesor Fernando Esteve Mora. Nin que dicir ten que isto suporía un nivel de gasto superior ao actual. Pero teñamos en conta que Italia a día de hoxe, sen problemas financeiros respecto diso, xa supera o 14%. Para dirimir se isto é moito ou pouco depende de se unha sociedade alcanza unha produción suficiente para satisfacelo (e se evoluciona positivamente a produtividade non haberá problemas), e se os ingresos do sistema de seguridade social poden afrontalo.

 Como advertiron Viçenc Navarro e Juan Torres, o cociente a escrutar non debería ser o de adultos/anciáns, senón o de cotizantes/pensionistas (que pode pasar de 2,4 a 1,15 en 2050). No devandito período, esta relación e o suposto incremento do gasto en pensións poderíase enfrontar de moitos xeitos:

* Que se produza un incremento de produtividade na economía e que se decida empregar os recursos xerados para esta necesidade social. Viçenç Navarro vén demostrando que, se agora producimos 100, cun incremento do 1,5% de produtividade anual -a evolución media dos últimos 40 anos-, en 2050 produciriamos 225. Se hoxe quitamos o 10% de 100 para pensións aínda quedarían 90 para facer outras cousas. En 2050 se quitamos o 13% das 225 unidades produtivas do futuro, aínda quedarían 195 para financiar outras actividades.

* Para aproveitar esa situación do que se trata é de apostar por que o secular crecemento da produtividade se transvase, no canto de ás rendas do excedente, ás rendas salariais. Este transvasamento pódese abordar por diferentes vías como poden ser maiores salarios, maiores e mellores impostos que financien máis e mellores empregos, dereitos sociais ou o aumento de servizos públicos, e neste caso materializado no salario indirecto que representa a pensión.

 Unha sociedade rica nestas condicións ten un debate de prioridades políticas, non enfronta un problema de repartición da miseria. Dito así, o problema do futuro das pensións non radica na súa viabilidade financeira senón na continuidade das políticas neoliberais e os gobernos que as executan.

* Se do que se trata é de robustecer os ingresos pódese incrementar as cotas á Seguridade Social, eliminar os topes de cotización ás rendas altas ou, en caso de desfasamento financeiro transitorio, cun novo réxime fiscal -con impostos directos progresivos- complementar o sistema de seguridade social con parte do orzamento público. Ante o recorte das prestacións, os e as traballadoras debemos ser intransixentes, porque entrañaría afirmar que é máis importante engrosar a acumulación capitalista e non unha necesidade central como é cubrir dignamente a vellez e outras circunstancias de vulnerabilidade.

 Non esquezamos que nos últimos anos o réxime tributario desfiscalizou o capital e as rendas altas, volveuse máis regresivo. Ademais, no Estado español hai unha fenda de 5 puntos porcentuais por baixo da presión fiscal en Europa (datos OCDE para 2007), e que o gasto en prestacións sociais para 2009, segundo Eurostat, está 3,1% por baixo da Eurozona-15.

 Para afrontarmos solidamente a discusión é necesario identificar todo o cadro de factores que inflúen no devandito futuro. Se nos fixamos sobre todo no que concirne ás pensións contributivas, son os seguintes:

 

http://2.bp.blogspot.com/_SPwGyeki9U4/TQtSEUnbt-I/AAAAAAAAAcw/wB8fj3TztkQ/s320/pensiones.jpg

 

 Con este cadro, pódese comprobarse, que o lado peor estudado é o que corresponde ao dos ingresos, a produtividade e a distribución da renda, que, precisamente, é onde radica a clave de bóveda. O decisivo para abordar esta e outras políticas sociais é a política económica posta en marcha e a que intereses responde.

 Os analistas convencionais e o mesmo Pacto de Toledo obsesionáronse polo lado do gasto, e optaron pola vía do recorte. Mostráronse ambiguos ante o atraso da idade de xubilación aos 67 anos, aínda que o goberno comprometeuse coa UE -e as oligarquías financeiras- a procurar implantala, o que suporía dous anos menos de pensión, dous anos máis de cotizacións e 500.000 postos de traballo potenciais menos dispoñíbeis para as novas xeracións. Porén, o Pacto de Toledo acepta de mellor grao por estes a ampliación do período de carencia de 15 a 20 anos, o que suporía unha diminución da pensión, entre o 3 e o 20%. Tamén se baralla aumentar os anos de 35 a 38, ou se cadra 40 anos de cotización para alcanzar o 100% da pensión. Esa medida comportaría ou diminuír a pensión media, ou, en combinación coas anteriores e a posíbel profundación de facilitar a prolongación da vida laboral (“a xubilación flexíbel”), un aumento da idade efectiva de xubilación (actualmente en 63 anos) e unha deterioración importante deste dereito, mesmo cando non se modificase a idade legal de xubilación.

 Algúns axentes sociais ven como opción reforzar a contributividade (dar máis a quen máis achega). Pero o vector ao que responde este principio -aínda que se modera por límites establecidos de pensión mínima e máxima, e porque o modelo é de repartición entre xeracións-, se se desenvolvese ao máximo sen eses topes, tendería a converxer relativamente con modelos de capitalización individual. O modelo de contributividade é oposto a aquela máxima de “de cada cal segundo a súa capacidade, para cada cal segundo a súa necesidade”, e contribúe á desigualdade de ingresos por pensión. Non se trata de non recoñecer o mérito de quen traballa máis, senón de admitir que quen ingresa máis ao longo da súa vida tamén o conseguiu por razóns alleas: extracción social, círculos e contornos sociais nos que viviu, orixe nacional, etc. Dito doutro xeito, o criterio de contributividade non é precisamente o que debería primarse desde a esquerda.

 Prestouse menos atención ás vidas laborais do futuro como outro factor fundamental para realizar posíbeis proxeccións do nivel de pensión que se obterá. Nin que dicir ten que o emprego para toda a vida xa non é o contexto no que se desenvolve o traballo asalariado contemporáneo. A media de duración dun emprego indefinido é de 11 anos, e a do emprego eventual é, como ben saben as xeracións novas, extraordinariamente rotatorio e efémero.

 O atraso na incorporación ao mundo do traballo pola prolongación dos estudos (unha nova esixencia para a empregabilidade da relación salarial), a precariedade, a intermitencia na vida laboral, e a expulsión temperá cando chega a idade adulta, comporta vidas laborais moitísimo máis curtas -en termos de anos cotizados- que outrora. Iso se non se fala da extensión do emprego irregular, a proporción do salario en B, o traballo en prácticas, ou as bolsas. Ou, o que non é menos importante, nun contexto patriarcal no que a maioría de homes non son corresponsábeis coas tarefas reprodutivas, que a muller adoita retirarse total ou parcialmente, durante o tempo de crianza. Isto adoita levar a obtención de ingresos que simplemente son complemento na familia, o que tamén deteriora as súas expectativas de pensión persoal. Ou que os inmigrantes se incorporaron xa a certa idade, traballaron irregularmente sen cotizar, con salarios moi baixos, algúns volven aos seus países antes de completar os seus dereitos, e que moitos non alcanzarán o período mínimo de carencia para obter unha pensión contributiva ou, se o fan, digna. Está ben claro que as reformas que se aveciñan comportarán unha gran agresión global aos e as traballadoras pero máis mesmo sobre estes colectivos.

 Do que poucos se decataron é que deixando o sistema de seguridade social á súa inercia, sen modificación ningunha, caerá a pensión media, actualmente en 889,35 euros mensuais, e que o próximo ano se conxelarán. As expectativas de pensión media da mocidade (que portará ao longo da súa biografía laboral este novo modelo precario de emprego), das mulleres, e dos inmigrantes, e, en suma, de todos os e as asalariadas en termos xerais nun futuro próximo, serán moito menores. De xeito que aínda que haxa máis pensionistas se obterán menos pensións.

 Xa que logo, debemos clarificar que tipo de medidas son necesarias, precisamente nunha orientación contraria ás anunciadas. E estas deberían ser:

– Desenvolver prioritariamente unha política económica ao servizo das necesidades, con cada vez máis control dos traballadores, que conte cun réxime fiscal progresivo, que combata a fraude e os movementos de capitais, unha regulación do sistema financeiro e a recuperación da banca pública funcionando cun sentido dinamizador, investidor e sostíbel.

– Anticipar a idade legal de xubilación e, no seu caso, desenvolver políticas de transición activa á xubilación (combinar gradualmente a redución de xornada nos últimos anos laborais, coa pensión e coa asunción de novas tarefas .formación a novas xeracións de profesionais, titorización de relevistas, etc.) que reforcen a repartición do emprego e a transferencia de experiencia e coñecementos.

– Reforzar o sistema de ingresos da Seguridade Social.

– Considerar que o orzamento público debe complementar o sistema de Seguridade Social en caso de transitorios déficits, que, de dáranse, se darían dentro de 15 anos.

– Avanzar nun sistema integrado de protección social converxendo no desenvolvemento dun ingreso universal garantido de cidadanía, divorciado da relación salarial, e vinculado a que o emprego sexa intermediado por un servizo público de emprego hexemónico, gobernado e orientado socialmente. Un modelo de ingreso universal e socialización do traballo necesario en virtude do cal as persoas obterían un dereito a un ingreso digno, a cambio dun compromiso de formación permanente, a achega de traballo, dedicación e coñecementos (baixo a fórmula do emprego, ou o servizo á comunidade) ao longo de toda a vida, e no que o último tramo de vida as persoas poidan gozar dunha idade madura plena de vitalidade, sen ter que traballar por obriga.

 [Artigo tirado do blog do autor, do 17 de decembro de 2010]

http://daniloalba.blogspot.com/

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*