En Caamouco.Net

Cousas de vellos (II)

Contábame a miña avoa que houbo un tempo, moi botado de menos por algúns, nos que o chamado “Estado do Benestar” era un sono. Había quen o tiña todo. Non só no aspecto económico, tamén posuían o poder político-relixioso-militar. Un poder total e absoluto que abranguía ata cada recuncho “tanto do corpo como da alma”.

Naquel “modelo social” os cidadáns tiñan obrigado todo aquilo que non estaba a ser prohibido. Non había dereitos que puideran se exercitar, sómente a “súplica” podía ser exercida, baixo a “gracia de Dios” e tamén sempre que “…Dios guarde a Vd. muchos años”. A administración facía seu o vello refrán “para os inimigos a Lei, para os amigos o favor”.

E todo isto só era aplicable para a metade da poboación, aos homes. As mulleres quedaban sempre sometidas á tutela. De ser solteiras ao pai, de casar ao marido, que tamén era chamado “cabeza de familia”. Ao igual que na Idade Media cando os habitantes dun territorio quedaban vinculados ao mesmo e eran transferidos cando eles. Así quedaban as mulleres sometidas ao varón.

O papel das mulleres era o de ser escravas dos seus pais ou maridos. Eran adoutrinadas pola “única relixión verdadeira: católica, apostólica e romana” que as relegaba a ser “boas esposas e mellores nais”. A través da Sección Feminina a muller era formada para que actuase como repouso acolledor do home e para ser o elemento eficaz da educación dos seus fillos orientado a un mellor servizo a Deus e á súa patria.

Para que a estratexia de adoutrinamento funcionase cumpría unha formación previa e unha cultura mínima. Outro aspecto capital do ideario da sección feminina era o referente á educación relixiosa. Por riba de todo está o ensino do nacional-sindicalismo e a doutrina de Cristo. As afiliadas debían prestar obediencia aos principios relixiosos de submisión respectuosa e amorosa da Xerarquía da Igrexa (cuxas direccións e consellos serán sagrados para elas), tamén a orientación das rapazas e mulleres cara á parroquia como casa onde todos os cristiáns deben ver un fogar, e por último, unha preocupación especial pola liturxia, oración auténtica da Igrexa.

Non podían abrir unha conta no banco, establecer un negocio, traballar fora da casa sen o permiso do seu marido ou pai.

Unha vez, e isto contoumo meu avó, alguén preguntoulle a miña avoa:

– E éste –ollando para o meu avó-, ha ser o teu home?

– Que máis quixera! –chimpoulle a miña avoa-

– Ah! Pois eu pensei ….

– Non neniña non -cortoulle a avoa-, eu sonlle a súa muller. Se fose da miña propiedade venderíao e faríame feliz. Levaríao á feira, poríalle dez pesos en cada man e pediría un peso por todo o lote.

– Pois vaia xoia has ter…!

– Ai, miña nena, quen ten un home e o perde gaña a “maioría de idade”.

Pois así lle era. Só as viúvas tiñan algo de “capacidade de obrar” sen a tutela dos homes ou pais.

 

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*