En Caamouco.Net

PAGAMENTO A PROVEDORES E DESPEDIMENTOS NAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

Un informe de Luís Burgos para o Gabinete Técnico da CIG.

Os Reais Decretos Lei 4/2012 e 7/2012 presentáronse ante a opinión pública como un plano ambicioso para permitir que PEMES e moitas persoas de traballo autónomo poidan cobrar rapidamente os cartos que lle deben as Administracións Públicas, particularmente as Entidades Locais. Sen embargo, o ministro Montoro, na súa intervención ante o Congreso, xustificaba tais decretos na necesidade de sanear ao sector bancario e de evitar que os provedores de servizos, que en moitos casos son empresas multinacionais, promovan a imaxe negativa dunha España morosa. A finalidade destas medidas, segundo a portavoz do Goberno, non é outra que evitar despedimentos nas empresas acredoras das administracións públicas.
Deixando a un lado os obxectivos declarados por uns e outros personaxes do Goberno, que acostuman a ser mera demagoxia e propaganda maliciosa, como no caso da reforma laboral, imos ver a continuación en que consiste o devandito plano.

En primeiro lugar, o RDL 4/2012 específica que as obrigas pendentes de pagamento deben tratarse de contratos de obras, servizos e suministros. E o Decreto 7/2012 que incorpora ao Fondo ás CCAA especifica que se consideran incluídos no ámbito de aplicación as débedas derivadas dos contratos de xestión dos servizos públicos na súa modalidade de concesión

Quedan dentro as concesión pero quedan fora, por exemplo, os concertos. As concesións representan a modalidade máis clara de privatización dos servizos públicos, porque se lle concede ao concesionario a exercitar, ao seu risco e ventura, unha actividade que en principio corresponde á Administración. O concerto significa que unha empresa, ONG ou Asociación, etc, proporciona un servizo determinado, en base aos seus propios locais e medios, e as Administracións Públicas contratan con eles para aproveitar a prestación desa actividade, outorgándolle a condición xurídica de xestor do servizo público correspondente.

Ou sexa que si, por exemplo, unha asociación de persoas xubiladas dan un servizo de atención á dependencia (xantares e visitas a domicilio) e o Concello contrata con eles ese servizo, a cambio dunha subvención ou prezo determinado, as débedas pendentes non poderían acollerse ao Fondo.

Quedan pois excluídas todas as modalidades contractuais de xestión dos servizos públicos que non estean subscritos baixo a modalidade de concesión, o que significa que se aposta claramente por esa modalidade máis privatizadora e con menos control, onde o menor custe é o factor determinante de adxudicación e non a calidade do servizo nin a estabilidade no emprego.

En segundo lugar, o mecanismo de acceso ao Fondo fixa unha taxa de xuros do 5%, máis as comisións das entidades financeiras. Mentres, estas entidades acceden aos préstamos do Banco Central Europeo ao 1% e, ademais, os cretos que concedan para este fin serán descontables ante o BCE ao contar co aval do Estado. O negocio é para os de sempre.

En terceiro lugar, establécese unha prioridade para o cobro das débedas para aquelas empresas provedoras que ofrezan un desconto sobre o importe do principal, ou sexa unha quita que as empresas deberán levar a perdas e as administracións apuntalas como ingresos extras. As empresas atópanse así cun escenario propio do concurso de acredores e deben renunciar, por suposto, á percepción de intereses e doutros gastos derivados da súa pretensión de cobro.

En cuarto lugar, as entidades financeiras poden adquirir as facturas das empresas concesionarias cun desconto de entre o oito e o dez por cento, para que estas non teñan que esperar meses para cobrar. Desta forma, os bancos aprovéitanse das necesidades alleas para agrandar o seu beneficio.

En quinto lugar, o procedemento de pagamento a provedores regulado nos dous Reais Decretos Lei ten un efecto directo no persoal das Administracións Públicas que pretendan acollerse ao Fondo. Se lles esixe un plano de axuste que debe ser avaliado favorablemente polo Ministerio de Facenda, onde deben asegurar ingresos correntes suficientes para financiar os gastos correntes e a amortización do endebedamento, plano que poderá incluír a modificación da organización da corporación local. Desta forma os servizos públicos non poden ser deficitarios e deben cubrirse con aumento de taxas e prezos públicos e tampouco se poden abordar outros investimentos durante o período de endebedamento –que pode ser de 10 anos- si se produce un remanente negativo de tesoureiría. Se non se cumpre o plano de axuste, o goberno se cobrará a conta do PIE (Participación nos Ingresos do Estado), ao que, por certo, se opuxeron PP e CIU cando foi da Lei 15/2010 de loita contra a morosidade, pero entón gobernaba Zapatero.

En sexto lugar, o control sobre o plano de axuste é total, xa que debe de darse un informe trimestral do interventor sobre o seu cumprimento e tamén fiscalizará ese cumprimento a Intervención Xeral do Estado, que poderá contratar a empresas privadas de auditoría con cargo aos recursos do Fondo.

Por último, a orde ministerial HAP/537/2012 publicada o 16 de marzo, establece un modelo para confeccionar o Plano de Axuste. Nas medidas para reducir gastos detállanse, entre outras, as seguintes:

Redución de custes de persoal, mediante a redución de salarios ou efectivos.

Nova regulación do réxime laboral e retributivo.

Regulación das cláusulas indemnizatorias de acordo coa reforma laboral

Redución nas prestacións de servizos non obrigatorios.

Hai que ter presente, ademais, que a reforma laboral, cando se refire á aplicación da reforma ao persoal laboral das administracións públicas exceptúa as medidas de flexibilidade, como suspensión do contrato ou redución da xornada, mentres que aposta directamente polo despedimento obxectivo como medida esencial para “adelgazar a administración”.

Polo tanto, estes dous reais decretos leis, veñen a ser normas concordantes coa reforma laboral para os despedimentos do persoal laboral das administracións públicas e o empeoramento das condicións de traballo e salariais do persoal funcionario. Ao mesmo tempo, como é habitual nas medidas políticas dos últimos tempos, favorécese o negocio das entidades financeiras.

 A Xunta de Galicia de momento foi unhas das poucas CCAA que rexeitou acudir a este Fondo, pero a meirande parte dos Concellos xa están nese proceso. De aquí a nada veremos os resultados.

Fonte: http://forga.info/web/novas/7-5-2012/pagamento-a-provedores-e-despedimentos-nas-administraci-ns-p-blicas

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*