En Caamouco.Net

Manifestación en apoio á nosa lingua propia

folleto017mO noso idioma,  o galego, é a base fundamental sobre a que nos sustentamos como pobo. Se deixamos que esa base se estrague,  todo canto se apoia nela, a nosa esencia como galegos e galegas, abaneará como a terra nun sismo devastador.

Porque non queremos ser estranxeiras na propia patria, atopamos motivos abondo para nos mobilizar este 17M, entre eles:

  • Un goberno galego que debería promocionar e proxectar a lingua propia de Galiza, mais que en lugar diso fai xustamente o contrario, levando adiante medidas que só afondan nos retrocesos que o galego está a sofrir. Un goberno que emitiu un Decreto que mingua as posibilidades de uso no ensino a mínimos históricos desde a existencia da Lei de Normalización Lingüística.
  • Un marco xurídico escaso en canto á protección da lingua galega e das persoas que a falan, e que mesmo así é burlado de xeito tan esperpéntico como o acaecido recentemente, cando un xuíz que declara sen vergoña ningunha incumprir a Lei que el mesmo debería facer cumprir, insiste na desvergoña conseguindo que se volva xulgar ao Presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e Portavoz de Queremos Galego! por lle ter lembrado que debe respectar a Lei, ademais de facela respectar.
  • Un Estado que abafa, promovendo leis que máis parecen de tempos pasados que do século XXI, leis que insisten en relegar a nosa lingua a un segundo, ou mesmo terceiro plano, facendo máis grande a fenda que separa en canto a dereitos ás persoas galegofalantes das que falan a lingua de Castela.
  • Un día a día no que ben percibimos que o galego non se tén en conta, do mesmo xeito que non se tén en conta que é a lingua propia de Galiza, que falamos miles de persoas, e na que queremos vivir con normalidade. Un último e recente exemplo: agora non podemos viaxar pola AP-9 e ler as sinalizacións das peaxes en galego. O único sinal que na nosa lingua existía foi “traducido” hai escasos días.

Unha lingua rica e fermosa, unha lingua coa que se pode facer ciencia e cantar, unha lingua na que podemos escribir fermosos versos, libros de matemáticas ou facturas de servizos que empregamos. A nosa lingua. Falémola, amémola, respectémola, defendámola.

folleto17m

 

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*