En Caamouco.Net

Dilixentes e dilixencias

Ataudes01

José de la Cavada, responsable de Relacións Laborais da Confederación Española de Organizacións Empresariais (CEOE), parece que quere facerse notar diante do proceso electoral que a Gran Patronal esta pronta a comezar.

Así, nin corto nin preguiceiro, soltou un exabrupto dos que xa nos ten acostumados: “O Estatuto dos Traballadores fíxose pensando que as viaxes se fan en dilixencia, pois se dan catro días para un permiso por defunción que, evidentemente cos vehículos que hai agora, se trata de horas de desprazamento, ou ás veces dunha hora”.

Algo debera saber esta eminencia sobre o tema, xa que no seu currículo aparece que foi polos finais dos anos 70 cando, recén rematados os seus estudos de Dereito, comezou a traballar como Letrado na  Organización Sindical Española, coñecida comunmente como Sindicato Vertical e que foi a única organización de sindicato legal en España durante o franquismo.

Nos anos 80 establece os seus primeiros contactos coa CEOE en Cantabria. De alí á cúspide. En 1982 é nomeado membro da Comisión de Relacións Laborais da patronal como, anteriormente, tamén o foi do Comité Executivo de CEOE-CEPYME de Cantabria e representante nas asembleas xerais de ambas as dúas organizacións.

Xa no ano 2008, foi tras o relevo na Presidencia da CEOE de José María Cuevas polo hoxe imputado Gerardo Díaz Ferrán, De la Cavada é fichado como Director do Departamento de Relacións Laborais.

Despois desta carreira tan emprendedora no mundo da empresa, este dilixente “xestor empresarial” vai e confunde dilixente con dilixencia.

Mais aquí non pode haber dúbidas, non se pode crer que non tivera lido o Estatuto dos Traballadores/as, entón ou é un falabarato ou un impresentable.

De seguir o seu fío argumental, se os días de permiso van en función das distancia a recorrer para asistir aos actos do enterro,  por que se estableceron no Texto en función do parentesco?. Non será que se dispensan en función do loito e da dor?. Claro que despois do expresado polo “ínclito xestor empresarial” tamén será difícil crer que teña eses “estraños sentimento á morte dun familiar”.

Pero hai máis. Este persoeiro en 2012, sendo o responsable de Relacións Laborais da CEOE, foi multado cunha sanción de 25.000 euros por acoso laboral. Na denuncia explicábase que 10 dos 13 traballadores que integraban ese departamento, dirixido por De la Cavada, denunciaron ao director por trato vexatorio. A metade dos seus subordinados lle acusaron de facelos chorar en repetidas ocasións e sufrir crise de ansiedade, segundo denunciaron ante o secretario xeral da patronal, José María Lacasa, e a Inspección de Traballo.

Xa comentei noutro artigo que cando a CEOE tiña de presidente a Gerardo Díaz Ferrán, tiñan a un bó representante dos patróns. Coido que o persoeiro do exabrupto tampouco lles desmerece.

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*