En Caamouco.Net

Quo vadis domine?

Escribiu o empirista inglés Locke: “Se o coñecemento que temos das nosas ideas remata nelas sen chegar máis alá, cando apuntan intencionalmente a algo exterior, os nosos pensamentos máis serios non terían apenas máis utilidade que os sonos dun cerebro alporizado […] que ve claramente cousas no sono”.

Esta frase parece ben acaída para poder entender certos “resplandores de opinión” dalgún alcalde, que segue sen aplicarse o conto.

 É insólito que o alcalde, que di ser socialista, dun concello case quebrado economicamente para máis datos, se permita gobernar cun ex-portavoz municipal do PP ao que lle dou unha delegación e unha contratación de persoal (máis de 25.000 euros ao ano do erario público) a cambio de  ….. (silencio!).

 A trama que se puidera estarse a revelar sería de tan extrema gravidade que non podería deixar a ninguén indiferente. A compra de vontades disfrazada en salarios a conta do erario público relatan a decadencia dun concello que non pode permitirse, nin un minuto máis, parecer incapaz de rebelarse contra estes pactos que devoran, cal voitre preeiro, as entrañas dunha sociedade á que aínda enriba a están a obrigar a pagar e repagar, cunha suba inxusta de impostos, a dilapidación económica xerada pola avaricia de poder deses mesmos protagonistas.

 Un pode dicir que nega absolutamente “o todos son iguais”, pero pouco favor se lle fai ao que se di cando o que se fai é un pacto de goberno PSOE-NAL, que para algúns non deixa de ser unha forma máis de corrupción política.

 Non só dos votantes de esquerda, que defendemos outro modelo socioeconómico, senón tamén dos honestos integrantes das filas de socialistas e populares que detestan sentirse cómplices do decrépito espello que ofrecen na actualidade as siglas que votaron. Porque se permitimos a impunidade da corrupción, nada terá tido sentido, nada poderemos esixirnos e nada construiremos xuntos. É absolutamente imprescindible que todos e todas castiguemos este pacto.

 X. Uño Capela

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*