En Caamouco.Net

Moitos heroes e algún vilán

Praza PúblicaO 24 de xullo de 2013 será lembrado durante moito tempo como un día de dor e de fonda tristura, polos falecidos, feridos, os seus achegado e familias. Eles e elas son as protagonistas. Tamén será lembrado polo impacto causado polo accidente nunha cidade ateigada de xente, en véspera da festa nacional de Galicia.

 E será lembrado tamén pola acción desinteresada e o traballo de moitas persoas e colectivos, dende os veciños de Angrois que asistiron aos pasaxeiros nos primeiros momentos até todos os traballadores e traballadoras dos servizos públicos: sanitarios, policia ou bombeiros, pasando polos centos de persoas que acudiron de contado ás chamadas que pedían que se realizasen doazóns de sangue. 

 Tamén hai viláns e críticas, sobre todo dirixidas ao desleixo de moitos medios de comunicación nas primeiras horas da traxedia ou á espectacularización dos feitos. Tamén para certas metidas de zoca, por exemplo o moi comentado pésame emitido por Moncloa. Ou para a reacción que xerou nalgúns tertulianos que o presidente da Xunta intervise en galego. 

Moitos heroes

 

  • Os veciños e veciñas de Angrois sacaron mantas e auga para socorrer os pasaxeiro feridos e axudaron a moitas persoas a sair dos vagóns e a rescatar cadáveres.
  • As empregadas e empregados dos servizos públicos, dende o persoal sanitario até o policial ou os bombeiros, que traballaron durante horas e que mesmo se incorporaron aos seus postos estando de vacacións. Como lembraba Helena Villar Janeiro nun comentario nas redes sociais, “cómpre facer referencia a que os traballadores e traballadoras que están dando o callo, que abandonaron as casas e as vacacións para atender aos sufridores deste drama son funcionarios na súa peor época. E que os hospitais que están facendo fronte son públicos. Se non entendemos hoxe o que isto significa, non o entenderemos nunca xa”.
  • Os bombeiros dependentes do consorcio comarcal suspenderon durante sete días a folga e as protestas que tiñan convocadas. O comité de folga fixo un chamamento aos profesionais e mesmo se incorporou aos parques persoal que estaba de vacacións.
  • Os centos de persoas que responderon á chamada dos centros de transfusión para que se doase sangue no Centro de Transfusión do Monte da Condesa (Campus Sur). Precisouse, sobre todo, sangue do grupo cero negativo e do A negativo, pero a primeiras horas do luns pediuse á xente que agardase uns días para volver doar ante a masiva e suficiente resposta da sociedade galega, que encheu varios hospitais e centros no país.
  • Os e as xornalistas dos medios de comunicación que informaron dende os primeiros momentos -con erros, dende logo- do sucedido, en xeral todos os medios galegos, “que informaron con rigor, dignidade e sobriedade, o que sei é moi difícil nesas circunstancias”, como lembraba Manuel Bragado. Certo é que a cobertura da TVG recibiu merecidas críticas por ter abusado de especulacións e de imaxes sen editar, coa visión dalgúns cadáveres ou mencións non xustificadas o ex ministro de Fomento. Pero a súa cobertura continua fixo lembrar a importancia de contarmos con medios de comunicación públicos de calidade en Galicia. Bragado conclúe que “a traxedia de Angrois demostrou que é imprescindible contar con medios públicos e xornalistas independentes para facerlle fronte colectivamente a estas desgrazas colectivas”. 
  • O respecto amosado por todas as forzas políticas, que suspenderon de inmediato todos os actos previstos, e malia as lexítimas críticas ou esixencia de responsabilidades, deixaronlle o protagonismo ás vítimas.
  • O respecto e a solidariedade amosado por todos os galegos e galegas nunha xornada moi triste. Estanse convocando concentracións silenciosas para as 20.42 horas de hoxe en varias cidades de Galicia, que terán lugar nas estacións de tren.

 

Algúns viláns

 

  • A cobertura de TVE. A cadea pública tardou dúas horas, até as 22.32, en informar debidamente no Canal 24 horas dunha das meirandes traxedias dos últimos anos. No Telediario non citaron a noticia en titulares, a pesar de que o accidente se produciu 20 minutos antes do inicio do informativo e a primeira conexión fíxose unha hora e media despois, por teléfono e sen imaxes en directo: unha voz en off sobre imaxes fixas ou de vídeoafeccionado ía facendo comentarios. Ademais utilizaron imaxes de 2003 do accidente ferroviario de Chinchilla para ilustrar a nova. El Plural pregúntase “Onde está o servizo público nesta TVE de Somoano?” e cualifica de “bochornosa” a cobertura da traxedia. Neses momentos CNN ou BBC informaban en directo do accidente. Suso de Toro é moi claro nas súas críticas: “a única nota grotesca deuna TVE, que tratou como tratou unha desgraza tan grande. Foron tan poucos os mortos? Tan lonxe está Santiago de Madrid? Desa Moncloa que lles envía aos familiares un pésame polo “terremoto en Gansu”. Onde é Gansu? Onde é Santiago? Non saben”. 
  • Foi moi comentado nas redes sociais o erro cometido por Moncloa ao mesturar no pésame polo accidente de Santiago co terremoto de Gansu, produto da excesiva rapidez á hora de reelaborar o texto. “Quiero transmitirle mi más sentido pésame por la pérdida de vidas humanas y cuantiosos daños materiales que ha traído el terremoto que ha tenido lugar esta madrugada en Gansu”, dicía o texto.
  • Tamén se criticou con dureza a espectacularización que realizaron algúns medios, amosando imaxes de mortos ou feridos, ou entrevistas con pasaxeiros ou veciños que non achegaban información senón o morbo do seu sufrimento. Entre o máis criticado, a portada dalgún xornal. O primeiro punto do Decálogo de recomendacións para medios e xornalistas de sucesos de catástrofe do Colexio de Xornalistas destaca que “o dereito á intimidade e á propia imaxe no caso dos protagonistas de sucesos que revisten características de catástrofe”.
  • Tamén son denunciables as insinuacións sobre as posibles causas externas -algún explosivo- do descarrilamento. É certo que os primeiros minutos foros moi caóticos, pero algúns medios e autoridades mantiveron a hipótese até varias horas despois.
  • Nas redes sociais está a criticarse o complemento de produtividade que se lles paga aos maquinistas por asegurar a puntualidade dos trens.
  • Ao redor da mañá o presidente da Xunta interveu ante os medios e leu unha Declaración Institucional de pésame. Fíxoo en galego, o que foi criticado en twitter e tamén por algúns participantes de tertulias televisivas, por exemplo no Programa de Ana Rosa.
  • Tamén se pode incluír nesta relación o debate sobre as causas do accidente. Sobre todo do feito de que a liña carecese de ERTMS (European Rail Traffic Management System), un sistema que impide que un tren rebase a velocidade máxima establecida. Ou de que na zona de Angrois se mantivese unha curva que xa era considerada “complicada”. Destes temas haberá que falar nos vindeiros dias.

Editorial de Praza Pública 25/07/2013

http://praza.com/movementos-sociais/5114/moitos-heroes-e-algun-vilan/

 

 

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*