En Caamouco.Net

Desalmados

Desalmados_terra e tempoA traxedia que a Galiza está a vivir e a dor que partillamos con todos os galegos e galegas que, como nós, a senten como propia, non poden nin deben impedirnos ver realidades que abrollan con forza. Singularmente porque o accidente do comboio en Compostela veu pór ao descuberto, máis unha vez, a inmoralidade e a indecencia política dos dirixentes do Partido Popular e dos seus sicarios mediáticos. Neste momento, aínda de conmoción social, e precisamente desde o respecto á memoria das persoas que foron vítimas deste terríbel acontecemento e ás súas familias, así como por responsabilidade para coa cidadanía galega, cremos que é o noso deber denunciala.

Falamos da impúdica manipulación da información sobre o accidente, deslizando reiteradamente a hipótese de que se podía tratar dun atentado para de aí tirar réditos políticos. A declaracións de Samuel Juárez e doutros dirixentes do Partido Popular, como a sistemática introdución por parte da TVG desta hipótese, non deixaron dúbidas sobre a intencionalidade política do asunto. A Televisión de Galiza insistiu de maneira obscena na posibilidade de se tratar dunha acción terrorista, mesmo despois de o Ministerio de Fomento confirmar que fora un accidente e chegando ao extremo de tentar que a veciñanza que entrevistaba como testemuñas avalasen esa tese.

Tanta foi a insistencia do PP e dos seus voceiros mediáticos, que até semellaba preferiren que se tivese tratado dunha acción terrorista en vez dun accidente para poderen aproveitalo politicamente. Colocaron rapidamente en circulación a teoría de que podíamos estar diante dun atentado e xa non era preciso dicir máis. Estabamos na véspera do Día da Patria Galega, na véspera de que millares de persoas fósemos saír á rúa para reclamar a soberanía e a independencia da nosa nación, polo que a hipótese viña perfecta para afianzar a campaña de criminalización do nacionalismo que o Partido Popular ten en andamento e na que leva insistindo nos últimos meses. O uso impúdico que veñen de facer do desastre é propio de desalmados políticos, que non se paran na magnitude da traxedia en perda de vidas humanas nin se deteñen pola dor das familias das vítimas e pretende utilizar a conmoción social existente en beneficio propio.

Non podemos ficar impasíbeis diante de tanta indignidade. É preciso denunciarmos o comportamento inicuo do PP así como a permanente e sistemática manipulación exercida pola Televisión de Galiza, como reiteradamente teñen feito nos últimos tempos os propios traballadores e traballadoras da CRTVG.

Mais, para alén diso, o desgraciado accidente de Angrois, provoca outras reflexións. En primeiro lugar, a indecencia de pretender reducir as causas a un erro humano e mesmo propiciar o linchamento mediático do maquinista, como forma de ocultar as responsabilidades políticas evidentes do goberno español do Partido Popular a respecto das deficiencias técnicas da liña. A comezar pola inadecuación do trazado e -sobre todo- pola inexistencia nos últimos 4 quilómetros do sistema de seguranza ERTMS que, en opinión dos expertos, tería evitado o accidente. Ou o desleixo do Ministerio de Fomento diante da evidencia de que o Alvia S-730 estaba a sufrir fallos de modo continuado nos últimos tempos o que, aliás, xa fora denunciado e recollido en medios de comunicación en xullo de 2012, ao pouco de comezar a funcionar. A cada día fica máis claro que as políticas de austeridadeque agochan os recortes en seguranza ou persoal e a progresiva degradación dos servizos públicos están a ter consecuencias fatais.

En segundo lugar, a xestión gobernamental da crise veu tamén pór ao descuberto o papel absolutamente subordinado e dependente, mesmo servil, do goberno galego a respecto de Madrid. Os verdadeiros responsábeis políticos da situación, Mariano Rajoy e Ana Pastor -porque se trata da administración que ten as competencias sobre a liña e o servizo de transporte ferroviario-, mantéñense a distancia, parapeitados detrás do discurso humanitario, en canto Núñez Feijoo asume gustosamente o papel de portavoz do Goberno español para dar as explicacións do acontecido. O noso País paga, dramaticamente, as consecuencias das políticas antisociais de Madrid e o presidente-delegado de Génova, cúbrelles as costas asumindo responder sobre unha competencia que infelizmente o goberno galego non ten. Máis unha vez, evidénciase a imperiosa e urxente necesidade de nos responsabilizarmos por nós propios do noso futuro.

E aínda unha outra reflexión sobre asuntos que puideren pasar por anecdóticos mais non o son. Estamos a referirnos ao comportamento puramente colonial de institucións españolas, medios e persoas. A comezar polo desinterese de TVE -tamén doutras televisións e medios privados españois- que tardou máis de 3 horas en facer o seguimento informativo do suceso. Preguntámonos se tería sido esa a actitude da televisón pública española de o accidente se ter producido en Madrid. Na mesma liña de desleixo está a referencia aos “contiosos danos materiais que trouxo o terremoto que tivo lugar esta madrugada en Gansu” na nota oficial da Moncloa.

Mais algunhas outras actitudes remiten directamente á xenofobia e ao desprezo ao que infelizmente asistimos a cada pouco por parte deses “ignorantes e férridos e duros, imbéciles e escuros (que) non nos entenden, non”. A indignación de xornalistas de grandes medios de comunicación e de moitos particulares nas redes sociais por o Presidente da Xunta ter feito unha intervención pública en galego indícanos claramente até que punto os españois non están dispostos a aceptar a mínima expresión do que somos como povo e menos aínda daquilo ao que aspiramos como nación. 

Mais o broche desa actitude xenófoba púxoo unha persoa que no seu twitter é capaz de escribir: “Joder, no sabía que había 50 muertos en el accidente del tren… aunque si son gallegos tampoco importa mucho”. Talvez isto non pasaría de anecdótico se o tuit non tivese no pouco tempo que permaneceu na rede até que a conta foi fechada ducias deretuits de persoas que partillaban esa opinión, precisamente nun momento de auténticoshock social na Galiza polo que viña de acontecer. E se, como diciamos, non fose o corolario dunha longa lista de actitudes de desprezo á que apenas nós, os galegos e galegas, somos quen de pór fin. Porque, como ben deixou escrito Castelao, “Eu dígovos que os galegos só imporemos respecto cando se nos considere capaces de tronzar os vínculos que nos xonguen a Hespaña e cando nós mesmos aprendamos a vivir con absoluta independencia dos hespañois”

En todo o caso, frente a todos os tópicos negativos que reiteradamente temos que escoitar, a traxedia de Compostela permitiu que, tal e como ten acontecido noutros momentos dífíceis da nosa historia recente, ficase ben visíbel o mellor do noso povo e o auténtico carácter da nosa xente, xenerosa e solidaria, activa e decidida cando é preciso. Traballadoras e traballadores dos servizos públicos, das emerxencias ou da sanidade; veciños e veciñas de Angrois; centos de persoas que acudiron a doar sangue ou a se ofrecer para colaborar no que for necesario; os millares de galegas e galegos que manifestaron por diversos medios a solidariedade cos persoas afectadas… Todas elas mostraron que este povo é capaz e, por tanto, ten futuro.

Editorial de Terra e Tempo, 26 de xullo de 2013

http://www.terraetempo.com/artigo.php?artigo=3175&seccion=4

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*