En Caamouco.Net

Pose mediática, rexeneración política e indignidade

sermos01Confeso que descoñezo os contidos do “Manifiesto para la regeneración democrática”, que IU presentara publicamente a comezos do pasado mes de Febreiro, pero supoño que algo contemplaría ao respecto da necesidade de recuperar a confianza da cidadanía nas organizacións políticas con práticas que primen a ética sobre a estética. Falo, por suposto, de tentar non substituir o traballo social e político pola simple pose mediática.

E hoxe, en Compostela, tivemos a oportunidade de asistir a un novo esperpento desta prática. Non falo, non, da situación de auténtico estado policial que calquera podía percibir desde a entrada na cidade. Nen tampouco da patética imaxe dalgún medio de comunicación na que Angela Merkel abrazaba a imaxe do Apóstolo que, dito sexa de paso, tampouco non ficaba moito máis ledo que noutras ocasións… Falo, si, da vampirización da acción política dos demáis como xeito de ocultar a incapacidade dun mesmo e, de rebote, conseguir o espazo na prensa; que semella que é o que importa.

Titular da Radio Galega

O titular da Radio Galega das 16 horas dicía ao respecto da mobilización contra do encontro Merkel-Rajoy que “á protesta asistiron distintos cargos do BNG e de AGE”. Curiosa maneira de ocultar a realidade en beneficio da confusión e, de paso, de algunha das partes. Que eu saiba -revisemos novas dos días pasados- a convocatoria desta acción fíxose por parte do BNG, da CIG e de colectivos afectados polas decisións políticas da UE. Non me consta que IU-AGE fixese chamamento -nen interno nen público- á cidadanía galega.

Yolanda Díaz -xunto con algúns outros membros de IU-AGE- son auténticos especialistas en substituír a súa incapacidade de acción política e social pola pose política

Faltoulles tempo aos oportunistas para decatarse de que a acción ía ter repercusión. Como suplir, pois, a escandalosa ausencia de iniciativa política nun tema -as decisións presentes e futuras da UE- que afectan a existencia mesma de Galiza? Pois nada. Botándolle cara e, como se adoita dicer, tentando literalmente “chupar cámara”. E Yolanda Díaz -xunto con algúns outros membros de IU-AGE- son auténticos especialistas en substituír a súa incapacidade de acción política e social pola pose política que, ao meu ver, é contraditoria coa “rexeneración” que logo predican nos seus manifestos.

Entendo que unha organización que nunha abriu a boca para falar -xa non digo, para denunciar- os nefastos efectos que as políticas da UE teñen en Galiza, non teña a valentía de convocar nen a militantes nen a cidadanía para manifestarse contra esa situación. Pero pretender resolver iso cunha apropiación indebida paréceme indigno. E, desde logo, ver como Yolanda Díaz se movía en busca da foto mentras que a xente berraba “Non á Troika, Galiza Soberana”, prodúceme auténtico noxo.

Artigo de Manolo Do Val (Cidadán galego e músico) publicado en Sermos-Galiza.

http://www.sermosgaliza.gal/opinion/manolo-do-val/pose-mediatica-rexeneracion-politica-indignidade/20140825184522030110.html

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*