En Caamouco.Net

Soldadas e soldazos

CantoeraNon serei eu quen me opoña a que os nosos representantes políticos perciban unha remuneración digna polo desempeño das súas funcións. Xa sei que dicir isto é nadar contracorrente, pero soster o contrario é propiciar que só nos poidan representar os que vivan de rendas.

Pero a demagoxia non ten cancelas. Asistimos ao anuncio do Alcalde de que vai renunciar ao seu salario como tal porque “no corren tiempos para vivir de la política”. Pois a ver se aplica ben o conto e rebaixa os máis de 320.000 euros que veñen ser o que nos custan as remuneracións da súa equipa de goberno. Non vaia ser que ao final, e a pesar da súa renuncia, á veciñanza nos saía máis caro este goberno que o anterior.

Ao mellor o que quixo dicir o Alcalde era que, sen a remuneración como deputado provincial que cobraba no pasado mandato, sómente co salario de alcalde non lle saen as contas. Pon como unha razón fundamental “porque éticamente un alcalde de un pueblo de cinco mil habitantes no puede cobrar más que el de una ciudad de 70.000”. Como non sería a primeira vez que confundira a ética coa estética, debemos recordarlle que levou o pasado mandato cobrando ao redor de 42.000 fronte aos 44.234 euros que cobraba o Alcalde de Ferrol (6.000 habitantes en Ares ante 70.000 en Ferrol).

No que si hai que darlle parte da razón é cando di que “quiero liberarme de estar en el centro de un debate que es oportunista y lo único que busca es crispar.” Certamente quere fuxir do debate, pero creo que si falamos de crispar, crispa máis quen lle volve a conceder unha “delegación especial” ao concelleiro de NAL para impulsar o PXOM, cando levan máis dun ano sen contestar ás máis de 600 alegacións presentadas.

O único que queda claro é que se van asegurar, tanto o Sr. Alcalde como o “delegado especial” uns ingresos polas asistencias a comisións non inferiores a 1.200 euros ao mes.

O dito, xa veremos en canto nos vai saír a “renuncia”.

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*