En Caamouco.Net

A festa da democracia?

castelao. a derradeira lección do mestreCando escoito a xente manifestar o seu cansazo por ter que ir votar por segunda ou terceira vez aos nosos representantes nas Cortes Xerais non podo esquecer aquelas conversas, máis ben monólogos, que tiña de cotío cun mugardés represaliado  polos franquistas.

Estabamos nos principios dos anos oitenta, e ante unhas eleccións nas que eu lle tiña manifestado a miña intención de absterme, alporizouse e fíxome prometer que sempre participaría nos procesos electorais. Argumentoume que de nada terían valido a súa loita, a súa resistencia e as penalidades sufridas por moitos como el e as súas familias para derrubar ao ditador e instaurar a democracia se as xeracións futuras non participabamos nos procesos electorais.

Era un home cun pensamento “rupturista” dos que non aceptaba nin a Constitución e moito menos á monarquía. Pero animaba a participar activamente na política, xusto ao contrario do que preconizaban a “gente de bien y orden”. Dicíame que os da dereita creen que o poder lles pertence por designio divino, e cando non o ostentan, teñen interiorizado de que alguén llo está a roubar.

Pois como dicía no comezo, cando escoito a xente dicir que está farta de ir votar, véñenme aquelas lembranzas, e penso que aquela xente que el definía como “gente de bien y orden” está a gañar a batalla ideolóxica.

Son os mesmos que, estando no goberno, non se ruborizan de que uns “señores e señoras que ninguén elixiu”  nos veñan a impoñer as súas políticas económicas a favor dos que máis teñen.

Comezaron co argumento de que os políticos son todos corruptos. Deste xeito se enmascara o problema dun partido político que leva financiándose ilegalmente dende a súa constitución. Seguiron con aquilo de que ten que gobernar a “lista máis votada”, sempre que sexan eles, exemplos hai de pactos –auxiliándose de tránsfugas- nos que pouco interesou respectar a lista máis votada. Agora están co tema de que hai que facer un grande consenso –gobernando eles, claro está- a fin de evitar facer unhas terceiras eleccións.

Parece ser que tamén é un tema económico, nas elección se está a gastar moitos cartos. Pois ante este argumento, unha vez que o Xefe do estado foi nomeado –con carácter vitalicio e sucesorio- por un militar con “mando en praza”, que o Presidente o goberno sexa nomeado, tamén con carácter vitalicio e sucesorio, polos arcebispos. Canto aforro nos traería…

Un xa comeza a estrañar aqueles días de votación nos que os medios de comunicación comezaban a información referíndose á xornada electoral como “festa da democracia”.

Eu que son de aldea, prefiro seguirme a “equivocar” en cada elección, a que uns poucos decidan por todos nós.

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*