En Caamouco.Net

… señora hay que aguantar las obras!!!.

poÉ sorprendente as respostas que un pode escoitar cando chama á nosa Policía Local. A última foi este venres. Unha veciña chamounos para denunciar as emisións de po nas obras que se están a realizar na rúa Porta do Sol. O mellor da resposta foi o de “… señora hay que aguantar las obras.”.

Claro que pouco se pode esperar dun corpo de Policía Local cuberto practicamente con auxiliares que, cando a súa formación, deberon facer folga no tocante ao temario que trataba das súas funcións, e do xeito de atender as demandas dos seus veciños. Velaí tamén a irresponsabilidade do Goberno local.

Pois xa que estamos a ilo, lémbrolles a súa función principal que ven ser a prestación aos veciños de toda a protección e colaboración necesarias, para que estes poidan exercer con total liberdade tódolos dereitos que lles recoñecen ás leis en vigor, así como a de desempeñar as funcións establecidas no artigo 53 da Lei Orgánica de Forzas e Corpos de Seguridade.

Tamén recordar que a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais dispón que deben “Observar en todo momento un trato correcto e esmerado nas súas relacións cos cidadáns, aos cales procurarán auxiliar e protexer, sempre que as circunstancias o aconsellen ou fosen requiridos para iso, en especial en todos os supostos e manifestacións de violencia de xénero, e proporcionarlles información cumprida, e tan ampla como sexa posible, sobre as causas e finalidade de todas as súas intervencións”. …  “ No exercicio das súas funcións, actuar coa decisión necesaria e sen demora cando diso dependa evitar un dano grave, inmediato ou irreparable, rexéndose, ao facelo, polos principios de congruencia, oportunidade e proporcionalidade na utilización dos medios ao seu alcance.”

Claro que sempre poderían escudarse en dicir que non había ningún dereito a protexer nin dano a evitar, xa que parece ser que no seu ideario está de que temos que aguantar as obras sen máis. Pois entón é conveniente lembrar que, o Código penal castiga estes feitos, véxase o artigo 325 (Dos delitos contra os recursos naturais e o medio ambiente), o cal establece que: Será castigado coas penas de Prisión de dúas a cinco anos, multa de oito a vinte e catro meses e inhabilitación especial para profesión ou oficio por tempo dun a tres anos o que, contravindo as leis ou outras disposicións de carácter xeral protectoras do medio ambiente, provoque ou realice directa ou indirectamente emisións, verteduras, radiacións, extraccións ou escavacións, aterramentos, ruídos, vibracións … Se o risco de grave prexuízo fose para a saúde das persoas, a pena de prisión impoñerase na súa metade superior.

Parece ser que é unha obra feita polo Concello, e como ben deben saber os técnicos municipais, toda actividade que se realiza á intemperie debe considerarse como fonte xeradora de po en suspensión. A isto hai que engadirlle o traballo de cortar o pavimento cun esmeril, labor que de non utilizar as ferramentas apropiadas –como o caso que nos ocupa – produce unhas altas emisións de partículas de po en suspensión.

A incidencia deste po en suspensión sobre as persoas e a contorna, que pode chegar a producir silicose, depende de varios factores tales como: as propias características do terreo e os seus compoñentes; a cantidade de po no ambiente, en especial, cando a concentración en sílice cristalino (SiO2) é superior ao 1%; o tempo de permanencia do po en suspensión e a poboación de traballadores afectados e o tempo de exposición dos mesmos.

Neste sentido, débese avaliar o risco de exposición ao po dos traballadores, considerando e analizando conxuntamente os compoñentes dos terreos e/ou materiais sobre os que se vai a actuar, os valores límite ambientais e biolóxicos, a cantidade de po en suspensión existente e o tipo, nivel e duración da exposición dos traballadores.

En función dos resultados obtidos da citada avaliación, débese garantir a redución ao mínimo do risco de exposición ao po aplicando medidas de prevención e protección que sexan coherentes. Ditas medidas han de incluír, por orde de prioridade: a concepción e a utilización de procedementos de traballo, controis técnicos, equipos e materiais que permitan, illando ao axente na medida do posible, evitar ou reducir ao mínimo calquera escape ou difusión ao ambiente ou calquera contacto directo co traballador que poida supoñer un perigo para a saúde e seguridade deste.

Os técnicos municipais discutiran a necesidade de solicitar licenza de obra ou dirán que é cuestión do director de obra. Os representantes sindicais, que deberan estar a velar pola saúde dos traballadores, no están nin se lles espera. Da patronal, neste caso integrada polo máis selecto da “esquerda social” deben estar moi ocupados co empoderamento e non teñen tempo para o polvorento.

Eu o das obras ben o aguanto, o que non dou aturado e o demais …

 

Leave a Reply

You can use these HTML tags

<a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

  

  

  

*